Saltar ao contido principal

Comeza a singladura para levar a Milucho Louro á alcaldía e a Ana Miranda a Europa


A veciñanza acolliu onte a posta de longo do equipo do candidato que buscará revalidar a alcaldía de Carnota, Milucho Louro, e da persoa que buscará seguir sendo a valedora dos intereses galegos no Parlamento Europeo, Ana Miranda. Os dous procesos electorais votaranse simultaneamente o vindeiro 26 de maio.

Nun restaurante Doña Teresa cheo ata o límite do seu aforo, transcurriu unha Cea-presentación conducida polo actor César Cambeiro, quen dou paso primeiro a Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo que xa foi todos estes anos a única persoa que trasladou os problemas do tecido social e dos sectores produtivos a Europa, como vén de facer hai só unhas semanas convidando a unha representación da pesca de baixura na que participou o propio Milucho Louro e outros representantes do sector do noso Concello. Ana é a persoa máis idónea e preparada para levar a voz do noso pobo a Bruxelas, e asi llo recoñecen mesmo os seus rivais.

Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo
A continuación foron tomando a palabra un a un os 20 membros da candidatura de Milucho Louro, que coincidiron en manifestar o seu orgullo de pertencer ao mellor equipo que concurre nestas eleccións, liderado polo mellor candidato posíbel, e tamén en expresar o seu entusiasmo e confianza en que revalidar á alcaldía -e con maioría- é unha posibilidade certa. Un dos momentos máis emocionantes foi a intervención de Jesús Manuel Caamaño Caamaño, Chuchú, quen lembrou que a parroquia vive momentos tristes pola situación de Manuel de Talelo, e convidou a seguir loitando polo seu indulto, para o que o BNG logrou xa o apoio da unanimidade da corporación municipal e do Parlamento Galego. Seguiremos loitando sen descanso ata que o indulto de Manuel de Talelo sexa unha realidade.

Moncho Noceda, alcalde de Carnota
Finalmente foi Moncho Noceda, gran homenaxeado da noite, quen fixo unha intervención lembrando o duro traballo que foi necesario desenvolver para salvar in extremis ao Concello de Carnota da ruina máis absoluta en que a deixara sumida o PP, e lembrouse de todas as persoas que dun ou outro xeito lle axudaron a logralo. Moncho, que nesta ocasión pecha a lista pola súa decisión de xubilarse, pásalle o relevo a Milucho Louro coa confianza de que saberá non só continuar senón mellorar o camiño iniciado, no que o seguirá axudando cóbado con cóbado.

Milucho Louro, candidato do BNG á alcaldía de Carnota
Foi Milucho Louro o encargado, como non, de poñer a guinda a esta noite, adiantando as ideas forzas do noso Programa de Goberno 2019-2023 que lanzaremos axiña, e que se centrará na idea de facer de Carnota un lugar para vivir, dignamente, con oportunidades de traballo e servizos sociais que permitan fixar poboación e que nin un só veciño ou veciña de Carnota se volva a ver obrigado a coller as maletas e buscarse a vida fóra, a gran preocupación do seu equipo. Milucho ten claro que nese esforzo serán necesarias todas as mans e apelou a todo o inmenso potencial humano que existe no noso Concello que teñen os coñecementos e os recursos para axudar a logralo entre todas e todos.

Ao remate da intervención de Milucho estreouse en primicia un video de presentación do noso proxecto que foi moi celebrado pola asistencia, e que moi pronto estrearemos tamén nas nosas redes sociais. Tamén se presentou unha camiseta na que agardamos que toda a veciñanza se sinta representada.

Desde o BNG de Carnota queremos agradecer a todas as persoas que nos acompañaron neste evento e que nos fixeron sentirnos tan arroupados para seguir camiñando con paso sereno e firme para lograr o noso maior obxectivo, que é de poder revalidar o 26 de maio a alcaldía de Carnota e poñernos a traballar desde o mesmo día 27 para facer do noso Concello un lugar para vivir.

Candidatura do BNG de Carnota

Candidatura

  1. Emilio Louro Lamela, “Milucho”
  2. Belén Campos Díaz
  3. Manolo Souto Barreiro
  4. Pilar Tubío Lariño
  5. Iván Franco Caamaño
  6. Susana Riveiro Siaba
  7. Nicola Lurie Mitchell
  8. Jorge Fiuza Barreiro
  9. Cecilia Caamaño García
  10. Jesús Manuel Caamaño Caamaño, "Chuchú"
  11. Ramón Noceda Caamaño

Suplentes

  1. Marupe Armendáriz Villar
  2. Cándido Caamaño Lado, “Marcelino”
  3. Fátima Dosil Caamaño
  4. Marisa Agulleiro Malvarez
  5. Marcelino Saborido Lago, “Marcelo”
  6. Agustín Lamela Caamaño, “Curral”
  7. María Socorro González Otero
  8. María Manuela Núñez Garcia
  9. Iago Maceiras Dosil

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...