O BNG de Carnota denuncia o progresivo desmantelamento do servizo sanitario no municipio, logo da decisión da Xunta de Galiza de eliminar as consultas médicas que viñan desenvolvéndose os sábados pola mañá no centro de saúde de Carnota. Primitivo Pedrosa lembra que esta nova perda de servizos súmase á ausencia de pediatra, unha situación que leva arredor de dous anos obrigando as familias de Carnota a desprazarse até Muros para que as súas crianzas poidan ser atendidas por unha especialista. A decisión da Consellaría de Sanidade de deixar sen servizo o centro médico os sábados pola mañá enmárcase nos cambios decididos polo Goberno galego para os Puntos de Atención Continuada, PAC, definidos nun “decretazo” que agrava a situación do sistema sanitario público. Estas medidas implican cambios nos horarios de atención e o peche de centros de saúde que até o de agora abrían os sábados. No caso de Carnota, isto obrigará a moitas persoas usuarias a desprazarse a outros puntos asistenciais ...