Saltar ao contido principal

Crónica do pleno do 17 de outubro de 2025

No pleno do día 17 de outubro de 2025, o BNG de Carnota fixou posición sobre varios asuntos de relevancia municipal: o destino do POS adicional, a suba das taxas do lixo, a delegación de competencias do pleno no alcalde para a investigación de bens de dominio público e outros datos de xestión económica coñecidos na sesión.

Un dos puntos tratados foi a aprobación do POS adicional 4/25. O BNG abstívose, unha vez máis, pola falta de diálogo do goberno municipal. Os 161.538,69 euros que lle corresponden a Carnota vanse utilizar integramente para gastos correntes, sen destinar nin un euro a obras, malia que no pleno anterior o alcalde recoñecera que existen moitas necesidades demandadas pola veciñanza. A preguntas do BNG sobre o destino destes cartos, o alcalde respondeu que se empregarán para pagar a débeda do lixo, que acumula xa case un ano de atraso no pago.

No pleno coñeceuse tamén outra cifra concreta vinculada á xestión municipal do verán: 4.865 euros é o importe que, segundo consta, pagou o Concello polo aluguer de terreos para aparcadoiros durante a tempada estival.

Outro dos asuntos debatidos foi a delegación de competencias do pleno ao alcalde para a investigación de bens de dominio público. Neste punto, o BNG votou en contra. Os motivos expresados foron claros: a propia alcaldía non ten claro se esta competencia corresponde ao alcalde ou ao pleno; o alcalde non responde nin aclara cal é o motivo da proposta nin que bens se queren investigar; e, tendo o PSOE maioría absoluta, o BNG pregúntase cal é o interese en asumir agora unha competencia que nunca fora pedida antes por ningún alcalde.

O punto de maior impacto económico para a veciñanza foi a modificación da ordenanza fiscal do lixo. O PSOE de Carnota aprobou en solitario unha suba das taxas do lixo, mentres que o BNG votou en contra. O BNG considera que a veciñanza vai pagar a mala xestión dos últimos anos dos alcaldes que presidiron a Mancomunidade, entre eles o de Carnota, que foi presidente durante dous anos até 2023 sen convocar nin unha soa xuntanza da mancomunidade. Segundo o BNG, non se fixo o traballo necesario nin se sacou a licitación a tempo, e por iso agora a empresa impón os custos que se lle van repercutir á veciñanza.

O BNG advertiu ademais de que se descoñecen os custos reais do servizo. Segundo se explicou no pleno, esta suba só cobre os custos existentes até 2024, e cando se coñezan os custos actuais e o reparto entre os concellos da Mancomunidade haberá que facer unha nova modificación dos prezos. Tamén se deixou constancia de que a Mancomunidade da Serra do Barbanza non pertence a Sogama. As novas taxas son provisionais e entrarán en vigor en 2026.

Na comparativa orientativa exposta no pleno, as subas afectan a distintos tipos de inmobles e actividades. Nas vivendas, a taxa pasa de 71 euros a 98 euros. En oficinas e comercios, pasa de 90 euros a 120 euros até 200 metros cadrados e 165 euros para máis de 200 metros. En talleres, almacéns, supermercados, cafés, bares e restaurantes, pasa de 120 euros a 150 euros até 200 metros, 275 euros de 201 a 500 metros e 400 euros para máis de 500. En hoteis, hostais, apartamentos turísticos e outros modelos de hospedaxe, pasa de 360 euros a 240 euros até 200 metros, 360 euros entre 201 e 500, 500 euros entre 501 e 1.000 e 680 euros para máis de 1.000. Nas oficinas bancarias, estacións de servizo e establecementos industriais e semellantes, pasa de 360 euros a 650 euros. E nas industrias con máis de 20 traballadores, pasa de 1.080 euros a 2.600 euros.

Para o BNG, este pleno volveu evidenciar unha forma de gobernar sen diálogo coa oposición e con decisións de forte impacto económico para a veciñanza. A utilización do POS para gasto corrente, a suba das taxas do lixo e a falta de claridade nalgúns expedientes son exemplos dunha xestión que require máis explicacións, máis planificación e máis respecto polo pleno como órgano de control democrático.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón