O acto contou coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e de Primitivo Pedrosa. A presentación correu a cargo de Cristina Caamaño e varias persoas realizaron unha lectura pública de fragmentos de Sempre en Galiza, a obra fundamental de Castelao.
A homenaxe tamén tivo unha parte musical, coa actuación da veciña Fátima Dosil, que interpretou o coñecido tema “Lela”. O acto rematou coa entoación do himno galego, acompañado polo gaiteiro Xosé Manuel.
Na súa intervención, Ana Pontón destacou a pegada de Castelao no pensamento nacionalista galego e lembrou o seu papel na creación, en 1944, do Consello de Galiza, institución galega no exilio, polo que é recoñecido como primeiro presidente galego.
Primitivo Pedrosa lembrou que Castelao celebrou un acto político en Lira, razón pola que o BNG de Carnota decidiu realizar precisamente neste lugar a homenaxe.
A xornada serviu para reivindicar a memoria política, cultural e nacional de Castelao, mais tamén para reafirmar a continuidade dun pensamento que segue vivo na defensa de Galiza, da lingua e do dereito do noso pobo a decidir o seu futuro.

Comentarios
Publicar un comentario