Saltar ao contido principal

Intensa primeira fin de semana de Asembleas Veciñais

Asemblea Veciñal de Mallou, antonte no seu centro social
O BNG de Carnota concluiu a súa primeira fin de semana de Asembleas Veciñais, con interesantes encontros mantidos respectivamente coa veciñanza de Lariño, Adraño, San Mamede, Carnota e Mallou, xuntanzas durante as que se distribuiu un voceiro local (A Moa nº 34) monográfico sobre os 4 anos do mandato que está a punto de expirar, informouse detalladamente da xestión municipal e recolléronse as propostas para o que será o noso programa de goberno 2015-2019. A esta debemos sumarlle a Asemblea do xoves dedicada a explicarlle á veciñanza o polémico proxecto de Gas Natural, cuxo prazo para alegar por certo remata mañá.

No horizonte xa se albiscan as Asembleas Veciñais de Caldebarcos (xoves 23 ás 19:30h na Escola), Lira (venres 24 ás 20:00h na Domus Atlántica de Portocubelo), e logo do parón o sábado 25 por mor do Encontro Nacional do BNG-Asembleas Abertas, estaremos no Pindo (domingo 26 ás 17h no Colexio Público) e Quilmas (domingo 26 ás 19h na praza do pobo). As de Pedrafigueira e da Carnota emigrada (que terá lugar por Youtube) desenvolveranse na fin de semana seguinte.

Seguir mellorando as vías de participación veciñal, unha esixencia
Asemblea veciñal de Carnota
Das sensacións recollidas ata o momento, cómpre salientar a comprensión absoluta da veciñanza cos difíciles momentos económicos vividos durante estes 4 anos, acentuada cando a xente puido coñecer os entresixos da situación coa que se atopou o actual goberno ao tomar posesión, con preto de dous millóns de euros de facturas sen recoñecer gardadas no caixón, e coa ameaza permanente de corte dos servizos públicos enriba da mesa. Logo dun exercicio de contención case total no gasto, para o que se revisou absolutamente todo comezando polos salarios políticos, hoxe o municipio afronta un futuro moito máis optimista, logo de ter reducido o 81% das súas facturas (o 95% no caso de proveedores e comerciantes), e de poñer case ao día os servizos públicos como auga, luz e saneamento, e reducir á metade o que se debía de lixo. A situación, non sendo para dar todo por feito, é desde logo moito máis esperanzadora.

Asemblea veciñal de Lariño
Estas duras restricións non evitaron que se puideran desenvolver varios proxectos importantes para o noso municipio, como poden ser os avanzos na rede de saneamento que por fin chegou ao Pindo, e sobre todo, a resolución daquelas inquedanzas máis inmediatas que se detectaban en cada núcleo veciñal, por enriba dos proxectos faraónicos e do "goberno a base de ocurrencias" que marcaron a acción municipal do anterior executivo do PP.

Asemblea veciñal no Viso
Esta foi a gran aprendizaxe destas xuntanzas: a veciñanza está feliz co camiño emprendido baseado na participación veciñal, pero tamén di que neste camiño queda moito por andar. Por iso, varias das propostas que se recolleron van precisamente no senso de lograr que a participación veciñal sexa mellor, máis eficiente e directa aínda do que o foi nesta lexislatura. Neste senso o BNG vai introducir no seu programa o incremento da frecuencia das Asembleas Veciñais e a aposta pola creación do Consello Local de Asociacións, un organismo municipal no que estarán representados membros designados por cada colectivo veciñal, que se reunirá periódicamente para priorizar as actuacións a desenvolver polo Concello en cada núcleo, facer seguemento dos proxectos en marcha, estabelecer fórmulas de colaboración entre elas, etc.

Asemblea veciñal de Adraño
Asi mesmo, a veciñanza solicita que xa que a situación económica tende a mellorar débense mellorar non só os proxectos a desenvolver senón as formas de comunicalos á veciñanza, e que deberá ser sen intermediarios. Neste senso, o BNG proporá mellorar a transmisión directa e transparente da información municipal mediante a colocación de máis paneis informativos, e a recuperación da revista municipal que cun carácter periódico porá luz e taquígrafos sobre contido e desenvolvemento dos plenos, situación económica, proxectos, asembleas veciñais, etc.

O gran reto será, xa que logo, continuar na senda do saneamento económico, para tentar aproximarnos ao obxectivo cada vez máis realista do déficit cero, pois unha vez que o Concello esté saneado e axeitado á súa realidade, e xa non teña dificultades para facer fronte aos gastos máis básicos, poderanse por fin comezar a poñer sobre a mesa os proxectos de futuro necesarios para mellorar as condicións de vida de toda a veciñanza.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón