Saltar ao contido principal

O galego é un dereito básico!



Somos galegos e o noso idioma propio e orixinal é o galego. Igual que calquera pobo do mundo, nós tamén temos o dereito inalienábel a que a nosa lingua sexa de uso normal en Galiza.

Por razóns históricas, e mediante diferentes mecanismos de imposición, o castelán é un idioma introducido desde hai séculos na sociedade galega, mais non debemos esquecer que o galego é o idioma natural de Galiza e que non estaría nun proceso de retroceso e de perda de falantes se non fose pola situación de anormalidade, dependencia e subordinación a respecto do castelán que é o idioma do poder dominante. Por iso, non só é lexítimo, senón tamén necesario, que o pobo galego aspire a que a súa lingua volva a unha situación normal para ser usada por todos os galegos e galegas sen dificultades nin discriminacións, igual que calquera idioma normal do resto do mundo.

Hoxe a situación dista moito diso. É xustamente o idioma propio e natural de Galiza, o galego, o que atopa serios atrancos para o seu uso en diferentes ámbitos que son transcendentais para a supervivencia dun idioma: os medios de comunicación, a vida económica e empresarial, a xustiza, o ensino, as tecnoloxías da información e comunicación, etc, etc. Contrariamente, é imposíbel en Galiza non coñecer o castelán, idioma no que unha persoa pode desenvolver toda a súa vida sen dificultades. Non é este idioma o que está en perigo pois está sustentado por poderes moito maiores que o galego.

Apesares desta evidencia, hai sectores que organizadamente atacan a tímida política lingüística oficial. Cinicamente din defender o bilingüismo e a igualdade entre os dous idiomas, mais para iso o que terían é que promover o uso do idioma en clara desvantaxe: o galego. O que verdadeiramente perseguen é que o noso idioma siga a perder falantes sen que os poderes públicos tomen ningún tipo de medidas e sen que os galegos tomemos conciencia desta situación.

Desde o BNG, nestes momentos que se tenta crear confusión a respecto da situación real do noso idioma, queremos animar a todos os galegos e galegas a usalo a cotío e contribuír á súa recuperación. No seo da familia, no traballo, nas relacións con toda a Administración, no tempo de lecer, o galego debe aparecer, fortalecerse e impulsarse.

A normalización do galego na sociedade galega é un obxectivo vital, que non pon en perigo a existencia nin o coñecemento, nin tampouco os usos individuais doutros idiomas, e en concreto do castelán.

Os poderes públicos e a sociedade galega deben preocuparse por quen o necesita: o galego.

É por iso que o BNG quere facer un chamamento a todo pobo galego a participar na manifestación que convoca a para o día 18 de maio, como xeito de defender os dereitos ao uso da lingua propia e mostrar o firme compromiso de garantirlle un futuro digno.

MANIFESTACIÓN o día 18 de maio ás 12 na Alameda de Santiago. O BNG de Carnota estará alí defendendo o noso idioma, e esperamos verte a ti tamén.

Máis información:

Comentarios

  1. Corren malos tempos. Cando temos que reivindicar o que somos e que corren malos tempos.
    Cando temos que pelexar por o noso patrimonio e que corren malos tempos.
    Ninguén pon en dubida que se debe conservar o patrimonio, como a Torre de Hércules ou a Catedral de Santiago.
    Pois un dos nosos patrimonios fundamentais, a nosa lingua so se protexe de unha forma, falando.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón