Detalle do proxecto do novo parque O goberno municipal do Concello de Carnota vén de aprobar en solitario no último pleno (coa abstención de PP e PSOE) a creación dun novo parque infantil no Pindo , co que aumenta a oferta de lecer para os cativos e adultos desta parroquia. A infraestructura, cuxas obras comezarán de inmediato, situarase nun baldío municipal ubicado no porto do Pindo e contará cun orzamento de 49.014,20€. O investimento converterá unha parcela en desuso dunha zona de xogos infantís de 234 metros cadrados ben separada do tráfico rodado e con balancíns, columpios e tobogáns. Asi mesmo contará cunha área biosaudábel para exercicios de adultos de 73 metros cadrados. Todo o conxunto estará rodeado dunha ampla zona verde e crearanse ademais 67 metros cadrados de novos aparcamentos, pois é unha zona que -sobre todo no verán- tende a saturarse bastante de coches.