Saltar ao contido principal

Quen é quen no novo goberno municipal de Carnota?


Ramón Noceda Caamaño

Lariño, 60 anos

Alcalde-presidente do Concello de Carnota. Ademais ocuparase das áreas de personal, finanzas, urbanismo e obras e servizos, ou agro, mar e monte, entre outras. Proxectos importantes da súa área serán a RPT, os orzamentos municipais 2015, o PXOM e o desenvolvemento das actuacións completas por lugares previstas no noso programa.

Iván Franco Caamaño

Carnota, 35 anos

Tenente de alcalde do Concello de Carnota. Levará as áreas de Turismo, Patrimonio, Medio Ambiente, Deportes e Comunicación e Novas tecnoloxías. Proxectos importantes da súa área serán as probas deportivas, a segunda fase de consolidación das estructuras do Castro de Mallou, a nova web municipal e o Víndemo Ver.

Belén Campos Díaz

Caldebarcos, 48 anos

2ª tenente de alcalde do Concello de Carnota. Levará as áreas de Cultura e Normalización lingüística. Proxectos importantes da súa área serán a programación cultural do noso Concello ou a creación da Escola Municipal de Teatro.

Jorge Fiuza Barreiro

Sofán (Lira), 45 anos

3º tenente de alcalde do Concello de Carnota. Levará as áreas de Xustiza social e Promoción económica. Proxectos importantes da súa área serán o mantemento e mellora dos servizos sociais municipais, o banco municipal de alimentos, a posta en marcha do voluntariado coa xente maior e tamén do banco de leña para acabar coa pobreza enerxética da nosa veciñanza.

Marupe Armendariz Villar

Canedo (San Mamede), 50 anos

Levará as áreas de Igualdade e diversidade, Memoria Histórica e Participación veciñal. Proxectos importantes da súa área serán a creación da Casa da Muller, a creación do Consello Local de Asociacións, o desenvolvemento dos orzamentos participativos e todas as políticas encamiñadas a lograr a igualdade efectiva e real entre homes e mulleres.

Iago Maceiras Dosil

Lira, 23 anos

Levará a área de Mocidade e Promoción Xuvenil. Proxectos importantes da súa área serán a posta en marcha do Centro Xuvenil de Pedramarrada e o festival Arrincadeira destinado a potenciar os novos valores musicais do noso entorno.

RESOLUCIÓN DA ALCALDÍA


En Carnota, o 13 de xuño do 2015, o Sr. alcalde do Concello, D. Ramón Noceda Caamaño, dita a seguinte resolución:

Consonte o que dispoñen os artigos 21.2 e 3 e 23.1, 3 e 4 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local (en diante, LBRL), 61.2, 62 e 65 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia (en diante, LALG), e 43 e seguintes do Regulamento de organización e funcionamento das corporacións locais (en diante, ROF),

RESOLVO:


PRIMEIRO.- Nomeamento da Xunta de Goberno Local

Nomear como membros da Xunta de Goberno Local ós seguintes concelleiros:
  • D. Iván Franco Caamaño
  • Dª. Belén Campos Díaz
  • D. Jorge Fiuza Barreiro

SEGUNDO.- Nomeamento de tenente de alcalde

Nomear tenentes de alcalde ós seguintes concelleiros pola orde que se sinala:
  • Primeiro: D. Iván Franco Caamaño
  • Segundo: Dª. Belén Campos Díaz
  • Terceiro: D. Jorge Fiuza Barreiro

TERCEIRO.- Delegación de competencias na Xunta de Goberno Local

Delegar na Xunta de Goberno Local o exercicio das seguintes competencias da Alcaldía:
  1. Autorización e disposición de gastos, e o recoñecemento de obrigacións que superen a contía de 6.000,00 €.
  2. Aprobación de bases reguladoras de convocatorias, concesións e xustificación de subvencións a terceiros.
  3. Aceptación de subvencións outorgadas a favor do Concello.
  4. Aprobación de listas de contribuíntes de tributos e prezos públicos municipais, resolución de recursos contra os actos de xestión tributaria, e anulación de recibos; e a concesión de exencións do imposto municipal de vehículos de tracción mecánica.
  5. Aprobar a oferta de emprego público con suxeición ó orzamento e ó cadro de persoal aprobados polo Pleno da Corporación, as bases das probas de selección do persoal funcionario e laboral, e das bases para a provisión de postos de traballo.  
  6. O nomeamento do persoal funcionario e laboral, e o exercicio das potestades organizatoria e disciplinaria en materia de persoal, coas limitacións que sobre atribucións indelegables prevé a LBRL.
  7. Aprobar os proxectos de obras e servizos que lle competan ó alcalde e cando lle corresponda a súa contratación de conformidade co que dispón o apartado seguinte.
  8. A contratación de calquera clase de obras, xestión de servizos públicos, subministracións, consultoría e asistencia ou servizos, que lle competen ó alcalde, non sendo as que se tramiten como contratos menores ou en casos de urxencia.
  9. A adquisición e o alleamento de bens e dereitos que lle corresponden ó alcalde e que teñan un valor superior a 3.000,00 €.
  10. Aprobar os criterios e normas sobre a xestión dos servizos públicos, cando non lle correspondan ó Pleno.
  11. Aproba-los instrumentos de planeamento que desenvolvan o plan xeral, os intrumentos de xestión urbanística e os proxectos de urbanización, cando non lle correspondan ó Pleno.
  12. Outorgar as licenzas urbanísticas de obras e de actividades e coñecer das comunicacións previas nesas materias, e informar nos procedementos de construcións e instalacións en solo rústico.
  13. A declaración de ruína dos inmobles, as ordes de execución de obras e as decisións sobre reposición da legalidade e sancionadoras en materia de disciplina urbanística, non sendo en casos de urxencia.
  14. A resolución de toda clase de procedementos sancionadores que se tramiten por infraccións graves ou moi graves previstas nas ordenanzas municipais e, en xeral, no resto do ordenamento xurídico.
  15. O outorgamento, autorización de transmisión e declaración de caducidade das licenzas de autotaxi.
  16. O outorgamento de autorizacións para o uso ou aproveitamento especial e privativo do dominio público, cando non lle correspondan ao Pleno.
  17. Os plans xerais de actuación das diversas áreas municipais e a programación temporal da súa execución, sen prexuízo das competencias que lle correspondan ó Pleno da Corporación.

CUARTO.- Nomeamento de concelleiros-delegados da Alcaldía

I. Delegacións xenéricas

Nomear concelleiros-delegados con facultades para dirixir e xestiona-los servizos correspondentes baixo a supervisión da Alcaldía, ós seguintes concelleiros:
  • Concelleiro-delegado da área de Asuntos sociais e dependencia, coa denominación de Xustiza social, e da área de Promoción económica a D.Jorge Fiuza Barreiro.
  • Concelleira-delegada da área de Cultura e da área de normalización lingüística a Dna. Mª Belén Campos Díaz.
  • Concelleira-delegada das áreas de Igualdade e diversidade, Memoria Histórica e Participación veciñal a Dna Mª del Carmen Armendáriz Villar
  • Concelleiro-delegado das áreas de Turismo, Patrimonio, Medio Ambiente, Deportes e Comunicación e novas tecnoloxías a D. Ivan Franco Caamaño.
  • Concelleiro-delegado das áreas de Mocidade e Promoción Xuvenil a D. Santiago Maceiras Dosil.

II. Delegacións especiais


QUINTO.- Delegación de competencias no 1º tenente de alcalde, en caso de vacacións, ILT, ou delegación expresa.

Delegar no 1º tenente de alcalde, D.Iván Franco Caamaño, o exercicio das competencias de:
  1. Contratación de obras, subministros e servizos que teñan un orzamento inferior a 6.000,00 €, e a autorización e disposición de gastos correspondentes.
  2. Adquisición e alleamento de bens e dereitos competencia desta Alcaldía que teñan un valor inferior a 3.000,00 €.
  3. Recoñecemento de obrigacións cando éstas teñan un importe inferior a 6.000,00 €, e as de importe superior cando deriven de contratos de carácter periódico e tracto sucesivo.
  4. Ordenación de pagamentos derivados de obrigacións previamente recoñecidas e pagamentos por operacións extraorzamentarias, así como a sinatura de tódolos documentos contables.
  5. Aprobación de liquidacións tributarias e demais actos de xestión e inspección tributaria, e o recoñecemento de dereitos en calquera das súas formas que non estean delegados expresamente na Xunta de Goberno Local, así como a resolución de recursos de reposición contra eles.
  6. Devolución de ingresos por liquidacións tributarias, prezos públicos ou privados.
  7. Aprobación de modificacións de créditos competencia da Alcaldía.
  8. O desenvolvemento da xestión económica consonte ó orzamento aprobado pola Corporación e non expresamente atribuída a outros órganos.
  9. As atribucións da Alcaldía en materia de persoal, agás as indelegables de xefatura superior de todo o persoal, separación de servizo de funcionarios e despedimento de persoal laboral, e das que son obxecto de delegación na Xunta de Goberno Local.

SEXTO.- Nomear como representantes dos Consellos de:

  • CEIP Carnota: Jorge Fiuza Barreiro
  • CEIP O Pindo: Mª Belén Campos Díaz
  • IES Carnota: Iván Franco Caamaño
  • Mancomunidade Serra do Barbanza: Iván Franco Caamaño
  • Mancomunidade de Augas: Jorge Fiuza Barreiro

SÉTIMO.- Nomear para a comisión especial de Contas a: Belén Campos Díaz e a Jorge Fiuza Barreiro.

OITAVO.- Esta resolución publicarase no taboleiro de edictos e na páxina dixital da Corporación, e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.



O Alcalde
Asdo. Ramón Noceda Caamaño

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón