Saltar ao contido principal

Camiño do Litoral: propaganda baleira e turismo político

O BNG de Carnota considera que o chamado Camiño do Litoral que veu anunciarse con pompa e boato a Carnota -coa participación entusiasta do alcalde- só é un exercicio de cinismo e turismo político, nunha nova operación propagandística baleira da Xunta.

A propia Xunta admitiu que a maior parte do trazado discorre por camiños consolidados, zonas urbanas ou infraestruturas xa existentes. É dicir, non estamos diante dun proxecto novo, senón dun simple rebranding institucional dos camiños das parroquias, os accesos ao mar, as sendas tradicionais e os espazos que a veciñanza e os concellos levamos décadas mantendo, usando e defendendo a custa dos fondos propios.

O BNG considera positivo calquera proxecto que axude a coñecer e valorizar o litoral, mais lembra que os seus camiños precisan de investimentos reais en mantemento, limpeza, seguridade, accesibilidade e protección ambiental, non anuncios baleiros lanzados de costas á súa poboación e entidades locais. O noso litoral non é un decorado para a foto. É territorio vivo, motor de memoria colectiva e futuro para Carnota, e merece respecto.

O noso Concello conta cun medio litoral e patrimonio mariñeiro inmenso e privilexiado que custa moito manter, e para iso necesitamos compromisos reais a través de investimentos, que cando menos en Carnota brillan pola súa ausencia desde que o PP ocupa a Xunta (non asi co anterior goberno, que por exemplo restaurou as casetas de Caldebarcos). Por isto é particularmente sangrante e cínico este exercicio de turismo político do máximo representante do executivo do PP na Xunta, Alfonso Rueda, mais tamén que o noso alcalde Juan M. Saborido se prestara a este paripé sen que conste ter posto ningún tipo de crítica ou reparo. Xa ten demostrado noutras ocasións o que lle importa o noso patrimonio mariñeiro.

En todo caso lembrrámoslle ao rexedor que este señor co que posa nas fotos é o mesmo que recurta a nosa sanidade, educación e demais servizos públicos; de nada serve sacala foto nas mobilizacións contra esas políticas se logo corremos a sacarnos a foto co máximo responsábel das mesmas, e de paso validalo. 

Outra oportunidade perdida para facernos respectar.

Esta é a visión do deputado nacionalista e habitual no noso Concello, Luis Bará:

Vexamos o bluff do Camiño do Litoral

Esta proposta xa estaba incluida no Plan de Ordenación do Litoral de 2011 como "Senda dos Faros" e non chegou a desenvolverse como estaba previsto mediante un plan ou plans especiais no prazo de 2 anos (2013). 

Na lei de 2023 de xestión integrada do litoral prevese no artigo 56 "a rede de sendas litorais", que se subordina ao Plan de ordenación costeira, plan que establecerá en colaboración cos concellos litorais a rede de sendas litorais baixo os seguintes criterios (...). A realidade é que o plan de ordenación costeira substituto do POL non está aprobado (tiña que estalo en xullo de 2023). A Xunta dá exemplo incumprindo o que prevé a lei.

Tal como desvelou o xornal Praza, o Camiño do Litoral é un invento. Segundo a propia Xunta "o 90% non precisa actuacións significativas porque xa coincide con rutas xa consolidadas". Realmente o Camiño do Litoral é un corta e pega de treitos de sendas xa existentes, e alí onde non hai continuidade discorre por trazado de estradas, algunhas delas con moito tráficoe o conseguinte risco.

Nalgunhas zonas existe xa algo parecido ao Camiño do Litoral, a Rede de Cicloturismo Eurovelo 1 da Costa Atlántica que discorre entre Tui e Fisterra ao longo de máis de 500 km (sen moito éxito de momento, por certo).

Pódese ver a proposta de trazado do Camiño no visor

Noutra publicación ampliaremos esta análise con referencia aos defectos legais na tramitación do Camiño do litoral, a falta de avaliación do posíbel impacto desta infraestrutura en áreas protexidas e o plan de fondo que hai detrás de explotación intensiva do litoral (non é casual que a presentación de onte se fixese ao lado do negocio dun empresario amigote de Rueda que aparece na foto xunto cos cargos institucionais).


Comentarios

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón