O BNG considera insuficientes as 3 prazas de socorristas convocadas polo Concello para atender as necesidades da tempada de verán. Segundo a información trasladada no pleno, presentáronse 10 solicitudes para esas 3 prazas, o que evidencia que había persoas interesadas e que o problema non era a falta de candidaturas.
Ademais, este ano non se convocou a praza de auxiliar de socorrista, reducindo aínda máis a capacidade do servizo nun concello cun litoral extenso e cunha elevada afluencia de persoas durante os meses de verán.
A esta situación súmase outro problema xa reiterado: un ano máis, a lancha está fóra de servizo. Para o BNG, isto resulta especialmente preocupante, pois os medios materiais son imprescindíbeis para garantir unha resposta axeitada ante calquera incidencia nas praias.
Carnota conta cun dos litorais máis importantes de Galiza, tanto polo seu valor ambiental como polo seu uso social e turístico. Por iso, o servizo de salvamento debe planificarse con tempo, con persoal suficiente e cos medios necesarios.
O BNG reclama ao goberno municipal unha explicación sobre a planificación do servizo, os motivos polos que non se convocou a praza de auxiliar de socorrista e a situación da lancha de salvamento.

Comentarios
Publicar un comentario