Saltar ao contido principal

Como exercer o teu voto se o 22 de maio estarás temporalmente fóra do estado español

Continuando coa campaña informativa para facilitar a participación dos veciños que non poderán achegarse a votar en Carnota o vindeiro 22 de maio, o BNG informa agora de como deberán facer os cidadáns que, estando censados en Carnota, se atopen desprazados temporalmente fóra do estado español.

Requisitos previos
  • Deberás estar censado en Carnota.
  • Se aínda tendo a nacionalidade resides permanentemente fóra do estado español, non terás dereito ao voto nas eleccións municipais.
Ata o 22 de abril
Preséntate en calquera oficina consular co Documento de Identidade, e solicita o voto por correo. Nese momento terás que indicar o enderezo ao que che enviarán toda a documentación, polo que debes comprobar detidamente que conteña todos os datos necesarios para que a recibas sen dificultades.

Ata o 29 de abril
Unha vez cumpridos todos os requisitos e feito este trámite, recibirás no domicilio que facilitastes a seguinte documentación:
  • Papeletas do BNG e doutras forzas políticas que concurran en Carnota.
  • Sobre de votación (sen texto nin signo distintivo algún)
  • Enderezo da Mesa Electoral que che corresponde
  • Certificado de inscrición no Censo Electoral
  • Folla explicativa do procedemento
Unha vez recibida e comprobada toda a documentación, escolle a papeleta da túa forza política e, sen máis, introdúcea no sobre de votación, que é aquel que carece de textos e signos distintivos. Pecha ben o sobre.

Ata o 18 de maio
Introduce o teu sobre de votación e mais o certificado de inscrición noutro sobre e envíao por correo certificado e urxente ao enderezo da túa Mesa Electoral, que é aquela que che indicaron cando che enviaron a documentación.

É crucial que o fagas deste xeito. Un bo número de papeletas son habitualmente invalidadas por mandarse por correo ordinario, por ter riscados e tachados na papeleta ou no sobre, por ir a papeleta no sobre equivocado, ou por este conter outras cousas aparte da papeleta de votación. Aínda que ti poidas entender que o sentido do teu voto é evidente, é posíbel que se considere nulo e non tería ningunha repercusión no futuro de Carnota.

Outros datos de interese
  • Lembra que no caso da veciñanza desprazada que reside dentro do estado español, existe outro procedemento.
  • Unha vez completado o proceso de voto por correo, non será posíbel votar personalmente na túa mesa electoral o 22 de maio.
  • Para que a túa papeleta sexa válida, deberás ter dereito a sufraxio activo o propio día da votación. Calquera circunstancia que limite o dereito a voto o 22 de maio invalidará a participación, aínda que si se tivese no momento de exercer o voto por correo.
  • Se tes calquera dúbida, contáctanos en carnota@bng-galiza.org.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón