Saltar ao contido principal

Exerce o teu voto por correo se non vas estar en Carnota o 22 de maio

O BNG de Carnota informa a toda a veciñanza que se por calquera motivo non vai poder achegarse á súa mesa de votación o 22 de maio, xa pode solicitar a documentación para votar por correo. A continuación explicamos como facelo e evitar os disgustos de última hora.
Do 29 de marzo ata o 12 de maio

Persóate en calquera oficina de Correos e pide a solicitude para poder votar. Despois de cubrilo e asinalo, acude novamente a entregalo. Nese momento, o funcionario de Correos acreditará a túa identidade mediante o teu DI, pasaporte ou carné de conducir. En todo caso deben tratarse de documentos orixinais con fotografía, mesmo se están caducados: non admiten resgardos de renovación nin fotocopias. Nese momento indicarás o domicilio onde queres recibir a documentación necesaria para votar, non podendo atoparse fóra do estado español.

Do 2 de maio ata o 15 de maio
Recibirás no domicilio que indicastes na solicitude toda a documentación necesaria para votar por correo:
  • Papeletas do BNG e doutras forzas que se presenten en Carnota
  • Sobre electoral
  • Certificado de inscrición no Censo Electoral
  • Sobre co enderezo da Mesa na que che corresponde votar
  • Folla explicativa do procedemento
Deberás ser ti mesmo quen recolla en man toda a documentación e asine o recibín do correo certificado, non podendo deixar a ninguén ao cargo de recollela. Se non estiveras para recollela, deixarante un aviso para facelo personalmente na oficina de Correos máis próxima.

Ata o 18 de maio
Unha vez recibida e comprobada toda a documentación, escolle a papeleta da túa forza política e, sen máis, introdúcea no sobre de votación, que é aquel que carece de textos e signos distintivos. Pecha ben este sobre e introdúceo no segundo sobre, que é aquel no que figura o enderezo da túa Mesa Electoral en Carnota. Envíao por correo certificado antes do mércores 18 de maio, e xa está.

É crucial que o fagas deste xeito. Un bo número de papeletas son habitualmente invalidadas por mandarse por correo ordinario, por ter riscados e tachados na papeleta ou no sobre, por ir a papeleta no sobre equivocado, ou por este conter outras cousas aparte da papeleta de votación. Aínda que ti poidas entender que o sentido do teu voto é evidente, é posíbel que se considere nulo e non tería ningunha repercusión no futuro de Carnota.

Outros datos de interese
  • Unha vez completado o proceso de voto por correo, non será posíbel votar personalmente na túa mesa electoral o 22 de maio.
  • Para que a túa papeleta sexa válida, deberás ter dereito a sufraxio activo o propio día da votación. Calquera circunstancia que che limite o dereito a voto o 22 de maio invalidará a túa participación, aínda que si o tiveses no momento de exercer o voto por correo.
  • As persoas impedidas para acudir a votar ou facelo por correo poderán facelo mediante un certificado médico oficial no que se constate o motivo, e un poder notarial no que se designe unha persoa representante. Ambos documentos son de balde. A persoa representante pode solicitar o voto por correo dunha soa persoa impedida, e debe ser esta quen reciba a documentación no seu domicilio. A partir deste momento, a persoa representante continuará co procedemento do xeito normal.
  • Se tes calquera dúbida, contáctanos en carnota@bng-galiza.org.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón