Saltar ao contido principal

O BNG transformará Carnota desde a sociedade e para a sociedade


Máis dun cento de veciños arrouparon en Caldebarcos o equipo que vai transformar Carnota


Desbordáronse todas as previsións de asistencia á cea-presentación da candidatura do BNG de Carnota: máis dun cento de veciños achegáronse a Caldebarcos para arroupar masivamente a posta de longo de Moncho Noceda e do equipo do BNG de Carnota. Foi durante un acto que culminou en festa rachada e que foi presentado pola responsábel local, Belén Campos, no que tamén estiveron acompañados polo deputado Bieito Lobeira.

Nun ambiente cordial, alegre e sobre todo fraternal, os veciños e as veciñas coñeceron a candidatura do BNG e tamén a idea estrela: transformar Carnota desde a sociedade e para a sociedade. Como explicou Ramón Noceda, lonxe de propostas irrealizábeis, o BNG é consciente da absoluta ruina económica e social do executivo municipal en mans do PP, e sinalou que só co apoio da sociedade e para a sociedade Carnota pode aspirar a ter un futuro digno, e onde os seus fillos e fillas non se vexan abocados a gañarse a vida fóra.

Menos control político, máis futuro
Moncho Noceda explicou as liñas xerais do programa
Para iso, o BNG traballará para deixar atrás o férreo control político vixente en temas como contratación, proxectos, investimentos... e para normalizar a vida política municipal. Estes catro anos o goberno de Carnota trasladoulle á sociedade a idea de que se non es do PP, non tes nada que facer, mentras se dedicaba ao dispendio nos seus propios intereses. O BNG vai rachar esta tendencia e aspira a contar co suficiente apoio veciñal para substituir a intolerancia por participación social, normalidade democrática e priorización de investimentos e proxectos que atendan as necesidades máis apremiantes da sociedade.

En definitiva, o BNG devolverá aos veciños o control sobre os seus recursos, democratizará a vida municipal e racionalizará o gasto público. Neste sentido, Noceda tamén anunciou que o BNG só apoiará unha única dedicación no goberno municipal, a do alcalde, goberne quen goberne, e esta non excederá en ningún caso os 2.000 euros; un soldo xusto, realista e acorde coas posibilidades dun concello coma Carnota.

Propostas desde a sociedade para a sociedade
Ramón Noceda adiantou que os grandes proxectos do BNG para Carnota non serán entelequias, senón que o BNG impulsará iniciativas que xa están perfiladas grazas ao protagonismo que adquiriu a sociedade estes 4 anos para compensar a parálise municipal: creación do Consello Local de Pesca para apoiar os proxectos Mar de Lira (ameazado agora pola desidia da Xunta e do alcalde de Carnota), e Pindo Mariño, e para devolver a dignidade ao colectivo mariñeiro e marisqueiro; posta en valor do monte e do agro, recursos hoxe abandonados pero fundamentais para o desenvolvemento de Carnota; revitalización do tecido empresarial, dotando de solo empresarial o municipio; saneamento financieiro, acabando co saqueo de recursos municipais para políticos e acólitos; restitución de todos os servizos sociais suprimidos ou reducidos nesta lexislatura (axenda cultural, asistencia a domicilio, residencia da terceira idade, centro de día, gardería infantil); e, por suposto, declaración de Parque Natural no Monte Pindo, que incríbelmente non apoian PP nin PSOE.

Para facer o documento o máis representativo posíbel das demandas reais da veciñanza, o BNG pode agradecer que contou coa colaboración de ducias de colectivos e de centos de veciños de todos os lugares na redacción das súas propostas, e antes de presentar o documento definitivo vaino expor novamente a todas as entidades sociais para a súa avaliación final conxunta.

Xente real
Foto: La Voz de Galicia
Propostas reais para xente real; este é o espírito das propostas nacionalistas. Pero para desenvolvelas, tamén contarán con persoas reais, representativas dos movementos sociais, coñecidas e queridas pola veciñanza e sobre todo dispostas a traballar por e para todos e cada un dos veciños de Carnota. Nos postos de saída a lista está conformada por, ademais de Moncho Noceda, a actual concelleira Merche Díaz (O Pindo), Iván Franco (Carnota), Antón Federico Beiro (San Mamede), Belén Campos (Caldebarcos), Carme Siaba (Lira) e Rafael Sestayo (Lariño). A candidatura completa supón unha profunda renovación, unha importante presenza feminina e tamén unha xusta representación de cada localidade para que todas e todos os veciños se poidan ver reflectidos na alternativa que propón o BNG.

Bieito Lobeira arengou o cambio en Carnota e Galiza
Lobeira intervén rodeado por Moncho e Merche
O acto rematou coa intervención de Bieito Lobeira, que saudou emocionado a ilusión que percibe entre os veciños por un futuro mellor, e salientou que o BNG é a forza que encarna as esperanzas de cambio non só en Carnota, pois PP e PSOE están tan seducidos polos intereses e os poderes económicos que se esqueceron da poboación á que se deben. Neste punto, Bieito fixo unha sentida mención ao falecido compañeiro Euloxio Franco, pois ao igual que o BNG estivo sempre a carón dos veciños aos que se debía, momento que arrincou o aplauso máis afervoado e prolongado da noite.
A candidatura do BNG de Carnota

1. RAMÓN NOCEDA CAAMAÑO
2. MERCEDES DÍAZ MAYÁN (O Pindo)
3. IVÁN FRANCO CAAMAÑO (Carnota)
4. ANTÓN FEDERICO BEIRO OREIRO (Canedo)
5. BELÉN CAMPOS DÍAZ (Caldebarcos)
6. CARMEN SIABA DOSIL (Lira)
7. RAFAEL SESTAYO LOURO (Lariño)
8. JOSÉ ANTONIO DOMÍNGUEZ CAAMAÑO (Carnota)
9. JOSÉ MANUEL TRILLO SABORIDO (Maceiras)
10. BETTY RIVEIRO COSTA (O Pindo)
11. ENCARNA BEIRO GONZÁLEZ (San Mamede)
12. PEDRO BALAYO CAAMAÑO (Lira)
13. CESAR CAMBEIRO QUINTELA (Caldebarcos)
14. JOSÉ MARÍA RIVEIRO SIABA (Louredo)
15. FATIMA DOSIL CAAMAÑO (Lira)
16. MARÍA LUISA AGULLEIRO MALVÁREZ (San Mamede)
17. MARCELINO SABORIDO LAGO (Mallou)
18. CONSUELO LAMELA PIÑEIRO (O Pindo)
19. MIRTA CAMBEIRO CAAMAÑO (Vilar de Carnota)
20. RUBÉN GONZÁLEZ LAGO (Lariño)
21. JOSÉ MARÍA SILVA MARTÍNEZ (Adraño)

Comentarios

  1. Adiante xa, co BNG

    ResponderEliminar
  2. Na lista de abaixo aparece o candidato co lugar de dónde é, sin embargo, O número 1 non pón de onde é...
    PORQUE DE LARIÑO SERÁ...(disque), porque aquí ninguén o considera veciño...

    ResponderEliminar
  3. Pois mal veciño debes ser ti para non recoñecer a persoas nacidas no teu lugar. Este é o problema dalgúns que renegan do que é seu en vez de coidalo, supoño que porque non pensa coma ti. Por sorte eses tempos van cambiar o 22 de maio, cando votemos a MONCHO DE LARIÑO... e de Lira, e de Carnota, e de San Mamede, e de Caldebarcos, e do Pindo, e de todos os veciños, como novo alcalde de Carnota.

    ResponderEliminar
  4. Pois de Santa Comba non é

    ResponderEliminar
  5. jajajaja mal veciño non son non,o que pasa é que a moncho só se lle ve o plumero agora que hai eleccións. Como os do PP que só se ven nos bares cando chejan as votasións.
    É o que pensamos a gran parte de Lariño. Desde lojo a nós non nos representa como veciño do noso lujar. ONDE TEN A CASA??? VIVE AQUÍ??? SABEDELO??? POIS ENTONCES...se ser de Lariño é vir aquí de ves en cando para arañar catro votos...

    ResponderEliminar
  6. Na miña opinión, non se trata de que represente a Lariño ou a calquer outro lugar, trátase de que represente a TODOS os veciños do concello de Carnota. E eu creo que Moncho preocupase moito máis de Lariño e de todos os lugares de Carnota que o goberno actual, que só se preocupa dos seus intereses personais.

    ResponderEliminar
  7. Pois son de Lariño e Moncho non vai ter fallo, e non porque sea de Lariño senón porque é xente. Como se arrimen á miña porta o vividor de Campos ou o dos 6 mil euros xa poden correr.

    ResponderEliminar
  8. De Lariño é... que o mellor hasta ten o mesmo apelido que o anónimo nº 5.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...