Saltar ao contido principal

Quen é quen no conflito das xaulas de salmón?

Moito deu que falar a última bombeirada do alcalde de Carnota, tras postular as augas do noso municipio como posíbel destino das xaulas de cría en cautividade de salmón que foron rexeitando concello tras concello no noso entorno. Mais poucos se pararon a explicar que son estas xaulas, por que son nocivas e, sobre todo, quen son os (i)responsábeis que tentan crear estas instalacións que cada día teñen máis inimigos. O BNG de Carnota segue adiante co seu compromiso informativo coa veciñanza con este humilde pero esperamos clarificador artigo.

Quen creou este conflicto?

Carmen Gallego, ex-conselleira de Pesca
O conflito das xaulas xurde nos últimos compases do anterior goberno da Xunta, despois de que a daquela conselleira de Pesca Carmen Gallego autorizara a instalación de xaulas no polígono Ribeira C da Ría de Arousa.

Xa daquela o proxecto merecera severas críticas tanto polo BNG como polo PP. A estas críticas axiña se sumaron as de confrarías, armadores, mariñeiros, mariscadores... En definitiva, todo o mundo parecía coincidir no mesmo: o noso litoral non é sitio para estas instalacións. Vendo a que se estaba armando coas eleccións galegas do 2009 á porta, o PSOE cambiou a súa postura afirmando que as xaulas tiñan que abandonar a ría de Arousa, e comezou a barallar ubicacións alternativas (Ons, Muros-Noia,…).

E a empresa ficou impasíbel?

Non. A empresa tiña unha concesión da consellería de Pesca e xa se di que vai reclamar arredor dun millón de euros como indemnización, que sairán dos petos de todos os galegos.

Cal foi a resposta do PP ante estas xaulas?

Depende do momento. En novembro de 2008, aínda na oposición, o PP opoñíase rotundamente a través do seu voceiro de pesca, José Manuel Balseiro Orol. Este reclamou unha explicación da Xunta "ante a confirmación de que unha empresa privada está a introducir salmón para o seu cultivo en cautividade no polígono Ribeira C da Ría de Arousa".

En xaneiro de 2009, a poucos meses das eleccións, o PP séguese amosando abertamente contrario a estes proxectos: O mesmo voceiro declarou que poñía en perigo o peixe e o marisco, mentres engadía: “na Consellería de Pesca son totalmente conscientes, malia que o oculten, que a cría de salmón nas nosas rías é inviable e desaconsellable pola súa evidente perniciosidade”. Os últimos días antes das eleccións, o PP chegou a esixir que as xaulas desapareceran de Galiza.

Cando pasou o PP a defender as xaulas?

O PP defende na Xunta o que atacou como oposición
Despois de 2 anos criticándoas, xusto ao acceder ao goberno da Xunta, o PP comeza a atopar pegas á retirada das xaulas que esixiran tan efusivamente desde a oposición. Malia todo, seguiron criticando o proxecto, pero máis por motivos técnicos que por outra cousa.

De feito, o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Carlos Maneiro (PP), afirmou no Parlamento que a Xunta non está a favor delas porque “a súa colocación foi realizada de xeito precipitado e sen unha análise firme sobre a viabilidade ambiental, económica e social, prexudicando ao sector produtor que xa estaba traballando”. Maneiro tamén cuestionaba a súa viabilidade, “incompleta con menos de 20 xaulas”. Noutras palabras, o PP pasou de pedir que desapareceran, a pedir que se puxeran como Dios manda.

Agora, o cambio radical dos "populares" lévaos a defender as xaulas a capa e espada coa excusa dos postos de traballo, nega que sexan perxudiciais e xa non ven necesaria a retirada das xaulas. Incluso a Consellería do Mar de Rosa Quintana acábase de reunir con alcaldes do PP para tentar convencelos de que acollan no seu concello as xaulas que absolutamente ninguén quere. Só picou José Oreiro, alcalde de Carnota polo PP, ofrecendo as augas do noso concello para estas instalacións tan dañinas.

Por que dicides que son dañinas?

As xaulas de cría de salmón xenéticamente modificado (transxénico) son un inmenso foco de contaminación por saturación de materias orgánicas e inorgánicas, e pola emisión a mar aberto de produtos contaminantes para as costas, para os fondos e para a fauna salvaxe:
  • Contaminación por nitróxeno e fósforo como consecuencia da sobrecarga de alimento, feces e elementos de excreción dos salmóns.
  • Contaminación por cobre debido ás operacións de limpeza, pinturas antifúnxicas das balsas-gaiolas e alimento sobrante.
  • Propagación de enfermidades á poboación nativa e reprodución cos animais silvestrados cos conseguinte contaminación xenética, como consecuencia de eventuais escapes de salmóns.
  • Uso de antibióticos (para diminuir a mortandade dos salmóns) que provocan resistencia na flora bacteriana e enfermidades nos peixes silvestres.
Estes perigos ninguén os negou nunca, nin sequera o PSOE e o PP, sempre e cando non tiveran responsabilidade directa sobre a súa instalación: cando o PSOE gobernaba defendiunas, e o PP na oposición criticounas, e viceversa: despois do cambio de goberno, os papeis tamén se invertiron.

Pero xera postos de traballo?

Non está nada claro cantos postos de traballo podería xerar, iso depende das dimensións das instalacións e do seu número, asi como da vontade da empresa concesionaria, que non ten ningunha obriga real de manter un número de empregos. Por poñer un exemplo, piscifactorías que prometeran xerar centos de postos de traballo abriron as portas cunha ducia de prazas de aparcamento nas súas instalacións, asi como  inmensas canteiras que desfán montes enteiros mantéñense cun ou dous empregados... A excusa dos postos de traballo para autorizar explotacións contaminantes irreversíbeis é tan previsíbel que abre a porta á desconfiaza.

Pero ademais, cantos postos de traballo se destrúen en Carnota se esta ameaza biolóxica e ambiental se convirte en realidade e a contaminación das xaulas acaban afectando ao entorno? Falamos de arriscar un sector primario enteiro, o pesqueiro/marisqueiro, que da substento a centos de familias de Carnota. Falamos de acabar definitivamente coa Reserva Mariña de Lira e con toda a labor a prol do desenvolvemento substentábel da costa que viña caracterizando as nosas confrarías nos últimos anos. Falamos da posíbel contaminación bioloxica do prestixioso abano de peixes e mariscos das nosas costas. Non é xustificábel desde ningún punto de vista.

E o BNG, que posición mantivo en cada momento?

Bieito Lobeira (BNG) trasladou o conflito ao Parlamento
O BNG mantivo e mantén unha única postura: sempre estivo do lado dos afectados, eclaramente posicionado en contra da instalación destas xaulas. Foi a única forza política en trasladar este debate ao Parlamento Galego, primeiro da man de Bieito Lobeira xa en novembro de 2009 e de novo da man de Ana Pontón e de Bieito Lobeira en decembro de 2010. Foi a primeira forza política (e en moitos casos a única) que apoiou a oposición veciñal e sectorial en cada localidade, a última onte mesmo en Muros, con goberno nacionalista apoiado polo PP.

O BNG esixe que a Xunta deixe de experimentar con este cultivo acuícola de consecuencias imprevisíbeis para a pesca tradicional e se poña a traballar en fórmulas que creen postos de traballo sen poñer en perigo os xa existentes, moito menos nun campo tan delicado como son pesquerías e bancos marisqueiros galegos, e moitísimo menos nas inmediacións dunha Reserva Mariña exemplar e estudada no mundo enteiro, como pareceu defender José Oreiro.

Se o PP quere axudar as traballadoras e traballadores do noso mar, que comece por garantir a vixilancia da Reserva Mariña dos Miñarzos en Lira. Se o PP quere apoiar o sector, que repoña as axudas de 557 euros ás mexilloeiras con máis de 65 anos que non cotizaron dabondo para cobrar a xubilación, que acaban de suprimir. Se o PP quere mellorar as condicións de vida dos nosos mariñeiros, que fagan como o BNG e comecen por poñerse a traballar da man das confrarías, que son os que máis saben do mar, antes de sacarse da chistera proxectos de bombeiro que producen máis dano, malestar e problemas que beneficios. 

En definitiva, se o PP quere falar de mar contando cos afectados (mariñeiros e mariscadores), pode contar co BNG ao seu carón. Agora ben, se o PP pretende gobernar a golpe de arroutada poñendo en risco o futuro da nosa pesca e marisqueo, vai contar co BNG xusto en fronte.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...