Saltar ao contido principal

Crónica dun atraco a cara descuberta e outros (Pleno do 5 de outubro)

Da Orde do Día, moitos puntos eran simple información orgánica. Pero houbo varios puntos bastante polémicos, que pasamos a comentar:


· Aprobación inicial da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmóbeis (IBI) (Punto 3 da Orde do Día)

Cando vimos este punto na convocatoria do Pleno, botámonos literalmente as mans á cabeza: O concello pretendía incrementar o dito imposto en nada menos que un 37%, logo de anos manténdose no 0,4%. Como é lóxico, non perdemos tempo en facer público a través do noso portavoz local o noso rexeitamento a tan esaxerado e desmedido aumento deste imposto aos nosos veciños, que unha vez máis, volven a ser vítimas da peculiar percepción da economía municipal que ten o novo goberno.

En declaracións aos medios de comunicación o día antes do pleno, Tomás Freire afirmou atinadamente que existen outras medidas para recadar diñeiro sen meterse en canto se ten a oportunidade nos petos dos veciños. A proba é que, efectivamente, o BNG herdou no 99 un Concello en práctica bancarrota, chegando no ano pasado aos presupostos máis inversores da súa historia e cunha economía saneada, e nunca iso significou subas voluntarias dos impostos. Tal vez o goberno debería seguir o consello do noso portavoz municipal, e apostar por reducir o "soldo dos altos cargos" en vez de tratar de meterlle máis paos aos veciños.

Pois ben, logo de ter proposto esta medida, e a pesar de defendela e xustificala na prensa, ao chegar a este punto na sesión plenaria do pasado venres, o alcalde José Oreiro dixo simplemente que a cousa quedaba como estaba, que non se facía suba ningunha.

Tería algo que ver ese cambio de opinión de última hora con que o BNG avisou á prensa? Deuse conta do erro ou o súbito interese da prensa fíxoo recapacitar? Por que o goberno xoga a bandazos coa economía dos nosos veciños?


· Ratificación da resolución da alcaldía do 19/09/07 para unha operación de tesourería (Punto 4 da Orde do Día)

Nun novo "alarde de malabarismo financieiro", o novo goberno de Carnota decide aprobar unha operación de tesourería por valor de 137.000 euros, supostamente para pagar salarios e gastos básicos. Como é lóxico, se a situación fora tan acuciante que obrigara a recurrir a esta operación extrema para garantir os pagos a todos os traballadores do ente municipal, aquí atoparía o apoio inequívoco do BNG.

O único problema é que seguimos sen ter un só dato contrastado da situación económica do concello desde o cambio de goberno: non sabemos canto diñeiro había daquela, nin o que se fixo con el, nin o que queda. Tampouco xustificaron nin antes nin durante o pleno a situación que levou a tomar unha decisión deste calibre. Só temos coñecemento dos falares que andiveron esparexendo polas corredoiras desde o cambio de goberno, bastante fáciles de desmontar tendo un mínimo de coñecementos do funcionamento da administración local. Sobra dicir que nos abstivemos na votación.


· Aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo da rede de saneamento municipal (Punto 6 da Orde do Día)

Xa falamos nesta páxina da polémica taxa do saneamento nova que o goberno presentou no Pleno Extraordinario do 13 de xullo. Trátase dunha nova tarifa de entre 350 e 400 euros que deberá abonar cada veciño que queira conectarse á Rede de Saneamento. Naquel pleno, o goberno tentara aprobar a desproporcionada taxa colándolla á oposición, pois asegurara que as tarifas que se aprobaban eran as mesmas que deixara aprobadas o anterior alcalde Manolo García, cousa evidentemente falsa. En canto a oposición se decatara do “pequeno cambio” que introducira o goberno municipal, o punto fora retirado inmediatamente polo alcalde, sen dar máis explicacións. Pois ben, durante un tempo a taxa comezouse a cobrar aínda sen estar regularizada, ata que no pleno do pasado venres o goberno volveu á carga co asunto, xa co señor Oreiro presidindo a sesión.

Como viñamos dicindo, o BNG é consciente de que os servizos municipais hai que pagalos. Pero tamén fixemos os deberes: o noso portavoz Tomás Freire presentou as contas do que a mesma empresa que ten a concesión do saneamento en Carnota está a cobrar noutros concellos con maior entidade poboacional: En Sada, por exemplo, a taxa do enganche normal é de 90 euros, e a taxa do enganche encargándose a empresa das perforacións é de 230 euros, e estamos a falar dun concello que nos dobra en poboación. Por outra parte, tamén contactamos con empresarios da construción do noso municipio, cuxas tarifas pola realización das obras de perforación non superan en ningún caso os 200 euros.

Por tanto, no BNG consideramos que unhas tarifas de entre 350 e 400 euros son claramente abusivas, e así o manifestou o noso grupo no Pleno, de palabra e opoñéndonos na votación.

Sen embargo, o Partido Popular fixo oídos xordos á argumentación do BNG, sacando adiante as tarifas sen sequera explicarlle aos veciños a que se debe esa enorme diferencia co que a mesma empresa cobra noutros concellos, ou co que cobran os propios constructores do noso municipio. Tampouco explicou a quen se lle ocurriu semellante idea.

E o PSOE, logo de dous meses coñecendo esta cuestión, e despois de escoitar as cifras que o BNG puxo enriba da mesa, foi quen de asegurar mediante o seu portavoz Manuel Noceda que non teñen "suficientes datos para decir que os prezos son abusivos", e que non tiveron "tempo para valoralo", e abstivéronse na votación. Tal vez algúns se deberían replantexar se son conscientes do lugar que ocupan (pois non o parece), e poñerse dunha vez a traballar para buscarlle solucións ás problemáticas dos seus veciños.

En definitiva, logo de dous meses ás voltas, o goberno do Partido Popular sacou adiante en solitario un incremento desproporcionado da presión económica sobre os nosos veciños. Como non podía ser doutro xeito, no BNG seguiremos traballando para deter este atraco a cara descuberta.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...