Despois de anos desta histórica reivindicación dos veciños de Caldebarcos, o seu singular enclave mariñeiro tradicional vai ser plenamente restaurado e o seu entorno adecentado neste ano.O proxecto, xestionado a tres bandas polo anterior goberno de Carnota, a Confraría de Pescadores do Pindo e a propia Consellería de Vivenda (grazas á mediación directa da Directora Xeral Encarna Otero), cataloga o conxunto como patrimonio arquitectónico etnográfico, e contempla a súa restauración e protección do vandalismo e deterioramento ao que estaba submetido.As tarefas de rehabilitación serán financiadas plenamente pola Consellería de Vivenda cun orzamento algo inferior aos 83.000 euros, e acometerá a substitución das cubertas, estruturas e carpinterías e dos elementos non tradicionais, mellora do pavimento, saídas de augas residuais e a limpeza e encintado dos muros de pedra. Ademais, no entorno inmediato faranse tarefas de adecentamento, mediante o alumeado sen tendidos aéreos, desbroce e sinalizado de camiños e fornecemento de mobiliario urbán de lecer para converter a punta de Caldebarcos nun mirador natural de atractivo turístico, ademais da instalación dos pertinentes paneis informativos.
O obxectivo do investimento é, ademais de recuperar para o disfrute de veciños e visitantes un singular conxunto etnográfico de principios do século XX, a recuperación das instalacións para as actividades mariñeiras tradicionais.
O convenio para a execución do proxecto foi asinado xa polo novo goberno de Carnota, que asume así o proxecto emprendido pola corporación anterior coa Consellería de Vivenda da Xunta de Galiza, co que poderemos ver cumprida antes do remate deste ano 2007 a tan desexada rehabilitación deste fermoso conxunto patrimonial. Desde o BNG de Carnota temos que agradecer aos veciños de Caldebarcos a súa perseverancia e confianza en que este proxecto chegaría a bo cabo. Pero tamén queremos agradecer a implicación personal de Encarna Otero, Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, que posibilitou este compromiso cumprido cos veciños de Carnota.
Comentarios
Publicar un comentario