Somos galegos e o noso idioma propio e orixinal é o galego. Igual que calquera pobo do mundo, nós tamén temos o dereito inalienábel a que a nosa lingua sexa de uso normal en Galiza. Por razóns históricas, e mediante diferentes mecanismos de imposición, o castelán é un idioma introducido desde hai séculos na sociedade galega, mais non debemos esquecer que o galego é o idioma natural de Galiza e que non estaría nun proceso de retroceso e de perda de falantes se non fose pola situación de anormalidade, dependencia e subordinación a respecto do castelán que é o idioma do poder dominante. Por iso, non só é lexítimo, senón tamén necesario, que o pobo galego aspire a que a súa lingua volva a unha situación normal para ser usada por todos os galegos e galegas sen dificultades nin discriminacións, igual que calquera idioma normal do resto do mundo. Hoxe a situación dista moito diso. É xustamente o idioma propio e natural de Galiza, o galego, o que atopa serios atrancos para o seu uso en diferen...