A formación nacionalista advirte de que moitas instalacións deportivas da comarca se atopan nun estado moi deficiente. O problema agrávase pola falta dun sistema de financiamento local actualizado, que leva máis de vinte anos sen reformarse, obrigando os concellos a depender doutras administracións para acometer investimentos.
O BNG lembra que desde 2023 o goberno galego non volveu convocar estas axudas para mellorar instalacións municipais nin para adquirir material deportivo inventariábel.
A organización sinala que este ano tivo que ser a Deputación da Coruña quen financiase obras como a renovación do complexo municipal de Cee, San Paio de Refoxos, ou o novo campo municipal de Vimianzo, Os Irmandiños. No caso do campo Platas Reinoso, en Baio, o Concello de Zas tivo que tirar de remanente propio.
Entre os campos que precisan reformas, o BNG cita Lombáns, o Cubeleiro de Corcubión, o Arasolis de Fisterra, o Vicente Carril de Camariñas ou A Arliña de Muxía, con necesidades en vestiarios, céspede, aparcadoiros e accesos.
Oscar Insua defendeu que o gasto público en deporte é tamén investimento en saúde e reclamou á Dirección Xeral de Deportes que coñeza de primeira man a realidade das instalacións da Costa da Morte.

Comentarios
Publicar un comentario