Un dos asuntos abordados foi a preocupación polas queixas, falta de información e denuncias presentadas por parte da veciñanza pola corta indiscriminada de grandes masas forestais en terreos privados, realizada coa autorización do Concello e sen seguir os trámites correspondentes. O BNG amosou no pleno a súa preocupación por esta forma de actuar, pola ausencia de información clara á veciñanza afectada e pola necesidade de garantir que calquera intervención deste tipo respecte a normativa e os procedementos administrativos.
Tamén se tratou a situación do CEIP de Carnota. O pleno aprobou por unanimidade unha moción de urxencia na que a ANPA apoia o informe do propio centro, no que se solicitan as reformas necesarias para o mellor funcionamento do colexio. O BNG lembrou ademais que xa presentou, dentro do prazo, unha emenda aos orzamentos da Xunta para reclamar a reforma integral do edificio, incluíndo a mellora enerxética, os patios e o entorno do CEIP de Carnota, por un valor dun millón de euros.
Outro dos puntos destacados foi o convenio de cesión da Casa do Mar de Lira. O BNG abstívose nos termos do convenio asinado polo Concello por varios motivos: o goberno municipal non presentou un informe técnico sobre o estado do inmoble; tampouco se fixo un informe económico de previsión de gasto, tanto no relativo ao investimento necesario para o acondicionamento como aos custes fixos; e a concesión de só vinte anos resulta escasa para compensar a posíbel inversión que terá que asumir o Concello.
O pleno abordou tamén as actuacións de Costas en Carnota. O BNG abstívose porque estas actuacións eliminan aparcamentos nas praias de Caldebarcos, Carnota e Mallou, sen que se presentasen alternativas nin por parte de Costas nin por parte do Concello para que a veciñanza poida aparcar. Para o BNG, calquera intervención no litoral debe compatibilizar a protección do territorio coa vida diaria das persoas que viven nos lugares afectados e co uso ordenado dos espazos públicos.
Desde o BNG de Carnota defendemos que os asuntos municipais deben tratarse con información completa, informes técnicos e económicos, diálogo coa veciñanza e planificación. O pleno do 13 de decembro volveu poñer enriba da mesa cuestións importantes para o futuro do concello: a protección do medio, a mellora dos centros públicos, o aproveitamento social dos edificios e a ordenación dos espazos costeiros.
O BNG seguirá fiscalizando a acción do goberno municipal e reclamando unha xestión máis transparente, planificada e respectuosa coa veciñanza.
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións
- Obter ligazón
- X
- Correo electrónico
- Outras aplicacións

Comentarios
Publicar un comentario