A formación nacionalista sinala que a recente reorganización das rutas e horarios do transporte público non mellorou a situación da Costa da Morte. Ao contrario, segundo denuncia o BNG, a comarca quedou cun servizo peor e con conexións menos eficientes coa capital galega.
O BNG criticou tamén a falta de información actualizada sobre os horarios e rutas. A organización cualificou de “auténtico despropósito informativo” a situación da web bus.gal, sinalando que non ofrece información veraz nin actualizada. Tamén denuncia que nas paradas non figuren os horarios oficiais dos autobuses, malia a instalación de novas marquesiñas.
Oscar Insua resumiu a situación cunha comparación clara: hai 30 anos a viaxe en autobús a Compostela facíase por Santa Comba e duraba 2 horas e 45 minutos; hoxe, segundo denuncia, “lévanche por Noia e dura ata 3 horas”. Para o deputado nacionalista, isto demostra que coa Xunta do PP a comarca vai a peor en materia de transporte público.
Para o BNG, mellorar as conexións da Costa da Morte con Santiago é unha cuestión básica de igualdade territorial. O transporte público debe servir para facilitar a vida da veciñanza, non para facer imposíbeis os desprazamentos diarios por traballo, estudos, xestións administrativas ou atención sanitaria.

Comentarios
Publicar un comentario