Oscar Insua e o vicerresponsábel local do BNG de Carnota, Primitivo Pedrosa, acompañados doutros membros da formación nacionalista no municipio, reuníronse este xoves 20 de marzo con familias de Carnota afectadas, que insistiron en que a situación, lonxe de solucionarse, agravouse ao coñecerse a semana pasada un novo recorte nos servizos sanitarios, pois veñen de quedar sen enfermería pediátrica dende o 10 de marzo. Un servizo que atendía as revisións de idade, curas e vacinas dos nenos e nenas en idade infantil.
O BNG de Carnota anunciou que xa leva recollida case mil sinaturas entre a veciñanza para demandar ao Sergas o restabelecemento inmediato do servizo pediátrico no municipio, e indicou que continúa coa campaña de firmas.
Pola súa banda, Primitivo Pedrosa manifestou que “cada día o Partido Popular alí onde goberna recorta máis e máis os servizos públicos, como os da sanidade en Carnota. A este paso imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos".
Pedrosa reprochou ao PP que “despois din que se preocupan polo descenso demográfico...mais ben penso que eliminando servizos como o pediatra fan todo o contrario; dende o BNG imos apoiar aos pais e nais nesta reivindicación que ademais de xusta é necesaria”.

Comentarios
Publicar un comentario