Saltar ao contido principal

Milucho Louro deixa a política activa


Milucho Louro, candidato do BNG á alcaldía de Carnota, comunicoulle á Asemblea Local da nosa organización a súa decisión de poñer punto e final á súa carreira política; deste xeito, na sesión de investidura do vindeiro día 15 de xuño non tomará xa posesión da acta de concelleiro obtida nas eleccións municipais do pasado 26 de maio.

Esta decisión chega despois dun meditado proceso de reflexión persoal e familiar iniciado tras os acontecementos vividos a noite das eleccións, cun ataque ao seu fogar que poñía o colofón a moitos meses de campaña de acoso e derribo a título persoal e familiar, desenvolvida por activos do PSOE carnotán. Este ensañamento brutal iniciado desde o mesmo momento en que se fixo pública a proclamación de Emilio Louro coma candidato do BNG causou gravísimos problemas non só a Milucho senón á súa familia e os seus fillos, que están destrozados polo acoso, e que desencadearon a súa decisión de antepoñer o benestar e a tranquilidade dos seus seres queridos antes que continuar co proxecto político iniciado o pasado mes de agosto, para o que xa non conta cos folgos nin a ilusión necesaria.

Milucho quere aproveitar este espazo para agradecer as inxentes mostras de apoio e solidariedade que está recibindo por parte da veciñanza, unha auténtica avalancha de cariño que demostra o mellor do noso pobo nos momentos máis difíciles para unha familia que o está a pasar moi mal.

Como non podía ser doutro xeito o BNG de Carnota respecta esta decisión e entende os motivos do noso compañeiro, toda vez que por enriba de todo debe estar a familia, a tranquilidade e a saúde das persoas. Lamentamos fondamente que a elección unánime de Milucho como candidato lle rematara causando tanto sufrimento a tantas persoas inocentes, tanto a el como ás persoas que forman parte da súa vida, ante as que nos disculpamos por non ter sido quen de medir nin prever a salvaxe campaña de odio que remataría desatándose por parte de determinados elementos reaccionarios da política local.

Non podemos máis que agradecerlle a Milucho que aceptara esta encomenda coa maior das ilusións, o seu desexo de traballar pola veciñanza de Carnota, e o seu empeño por desenvolver unha campaña limpa e en positivo centrada en falar dos nosos proxectos en lugar de participar na guerra suxa de mentiras e inxurias vertidas permanentemente sobre a súa persoa, que foron claves na derrota electoral sufrida polo BNG o pasado 26.

Cambios na representación do BNG que exercerá a oposición

En consecuencia deste novo escenario político, o BNG recomporá a súa presenza na corporación municipal para facela máis eficiente para os cometidos que nos depara a labor de oposición que a veciñanza de Carnota agarda de nós, polo que finalmente tomarán posesión das actas de edil Belén Campos, Manolo Souto e Pili Tubío.

O feito de que a forza máis votada, o PSOE, dinamitase todas as pontes co BNG e non condease nunca os comportamentos antidemocráticos na súa base, lévanos loxicamente a tomar a decisión de non apoiar ao goberno e a pasar a exercer unha oposición útil e construtiva para a veciñanza e férrea no seu labor de control ao novo executivo local saído das urnas.

Comentarios

  1. Vaise o mellor alcalde que nunca soñou ter o pobo de Carnota, dando leccións da súa talla ata o último momento. Gracias por darnos a oportunidade de elixirte, gracias por aguantar todo o que sabemos que aguantastes, e gracias por marchar coa dignidade que che caracteriza.
    Un día negro para a historia de Carnota, provocado polos seus personaxes máis siniestros.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón