Saltar ao contido principal

O alcalde de Carnota pídelle ao PP que explique á veciñanza por que apoiaba o Parque Natural ata perder a alcaldía

A Asociación Monte Pindo vén de publicar unha enquisa de Sondaxe que demostra un inmenso apoio social e tamén un listado de 171 entidades que ata hoxe avalaron a iniciativa para declarar o Monte Pindo parque Natural.

É abraiante que calquera idea naza con tal apego social e respaldo de entidades de absolutamente todo tipo, e moito máis cando se trata dunha posición -cando menos de partida- conservacionista. Calquera administración debería celebrar que a súa sociedade acade tal grao de madurez que non sexa freo, senón motor de iniciativas tan valentes como esta.

Por iso resulta sorprendente a circunstancia de que a única entidade que ata o momento se ten oposto diametralmente sexa o PP, pois é o partido do goberno da Xunta quen ten na súa man o éxito do proxecto, dado que a Consellería de Medio Ambiente é quen ten a exclusiva potestade de decretar a creación do Parque Natural e deseñar a folla de ruta e os presupostos para levalo a bo cabo.

Despois de cinco anos de traballo veciñal intenso, de ducias de charlas de divulgación dos valores do Monte Pindo que xustifican esta medida, así como dos beneficios innegábeis que implicará para a veciñanza, colectivos e o propio concello, e de traballar na investigación dos valores que aínda garda, seguimos batendo unha e outra vez co veto parlamentario obstinado do PP. Este veto non se basea en ningún argumento concreto nin razoado, senón en vagas xeneralidades insuficientes para agochar que o único motivo é un puro interese electoral, pois non é o PP quen ocupa actualmente a Alcaldía de Carnota para anotarse o tanto. Nin máis, nin menos.

Programa do PP no 2007
Á hora da verdade, considera o PP que o Parque Natural sexa positivo para o monte, para Carnota e a para as e os veciños, ou non? A hemeroteca fala alto e claro: cando menos sete anos antes de que a veciñanza ou ningunha outra organización comezara a pedir a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, o PP de Carnota xa prometeu en plena campaña, en declaracións a La Voz de Galicia, que unha prioridade do seu mandato sería declarar o Monte Pindo como Parque Natural. Catro anos despois, e novamente en plena campaña, a proposta volveu a estar no programa do PP de Carnota, como se pode observar nas imaxes adxuntas. A convicción histórica do PP a favor de declarar o Monte Pindo Parque Natural queda máis que evidenciada. Non só o apoiaban: en realidade ata o inventaron, e pasarán á historia por ser a primeira organización en pedilo e a última en aceptalo.

Programa do PP no 2003
Quen estaba detrás da redacción destes programas onde a declaración do Parque Natural do Monte Pindo ocupaba un lugar tan destacado entre as prioridades do PP? Pois nada máis e nada menos que quen era, é e -parece ser- seguirá sendo o candidato popular á Alcaldía de Carnota, José Oreiro. A súa segunda espada é, precisamente, a mesma persoa que o PP utiliza no Parlamento para tombar unha e outra vez a nosa iniciativa: Marisol Piñeiro, aínda concelleira de Carnota e parlamentaria do PP, á que presentan como nacida no Pindo (en realidade é natural doutro lugar do concello) para vernizar de lexitimidade a negativa recorrente do PP.

A realidade é que só coa hemeroteca deixamos en evidencia que a postura do PP obedece exclusivamente a un interese espurio, persoal e político. A realidade é que o medio ambiente do noso país vólvese a supeditar ao interese electoral dunha persoa. A realidade é que, por primeira vez na historia do noso país, a proposta de declarar un novo espazo natural na nosa comunidade nace da sociedade e ademais conta con tal consenso social que as enquisas non son quen de detectar unha soa obxección. A realidade é que por primeira vez un parque natural nacerá con boa parte do traballo feito: unha sociedade sensibilizada, varias liñas de investigación abertas, e centos de colectivos de todo tipo implicados. Isto non se deu en ningún outro espazo natural galego, e probablemente tampouco en España.

O partido do goberno, o mesmo que declarou os outros seis parques naturais que xa temos, sábeo perfectamente, pero estira a súa obxección ata os límites do imaxinable por pura obediencia partidaria. E as súas propias lexislacións ambientais estabelecen que por enriba de todo deben estar os obxectivos de conservación dos espazos naturais.

O PP ten que explicarlle á veciñanza e a todas as galegas e galegos por que entre o 2003 e o 2011 defendeu a declaración do Parque Natural do Monte Pindo, e por que deixou de facelo xusto cando cedeu a Alcaldía de Carnota. O PP debe rectificar a supeditación deste espazo natural, e o benestar e as oportunidades de toda a veciñanza, ao interese persoal e político dun dirixente local. O PP debe desculparse por impedir diferentes propostas dirixidas a recuperar e protexer este espazo despois do gravísimo lume de 2013, como a declaración de zona catastrófica que podería supoñer axudas para os veciños e as veciñas que sufriron danos graves nas súas propiedades.

O PP debe exercer de partido de goberno e, sobre todo, deixar de acusar aos centos de entidades e miles de cidadáns e cidadás que celebramos esta iniciativa, de facer exactamente o que eles están facendo: politizar e lixar unha proposta moi positiva e socialmente unánime, que suporá postos de traballo, investimentos, promoción turística de calidade e, en definitiva, a mellora xeneralizada e innegable de todo o contorno e da calidade de vida da veciñanza.

Pola nosa parte, como goberno de Carnota e -sobre todo- como veciños e veciñas, só agardamos que o PP recupere a iniciativa de declarar o espazo como Parque Natural, e estamos dispostos a cederlle a batuta e o liderado da iniciativa. Todo o que sirva para recuperar e protexer o Monte Pindo de xeito que repercuta na mellora do benestar da súa veciñanza contará co noso apoio e colaboración, veña de quen veña. Pero todo o que implique alongar un só día máis o abandono ao que parecen querer condenarnos contará, por suposto e por sempre, coa nosa oposición frontal.

Carnota, a 7 de Xaneiro do 2015

Asdo.Ramón Noceda Caamaño
Alcalde de Carnota

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón