Saltar ao contido principal

Carnota queda sen polígono empresarial... o PP "resta e segue"

A estas alturas xa nada nos sorprende. Todo é parte do mesmo. Somentes é cuestión de ter un pouco de memoria.

No comenzo da nova lexislatura os médicos de Carnota deixaron de ser substituídos durante as súas vacacións. A excusa do PP é que non teñen competencias. En consecuencia, a pasividade do novo goberno municipal significou o peche durante semanas dos centros médicos de Lira e o Pindo e o saturamento do único servizo que quedou en funcionamento, o de Carnota. Co goberno anterior nunca se producira esta situación... casualidade.
Pouco despois suprímense uns servizos pioneiros na comarca e que eran un privilexio para un concello das dimensións de Carnota: a Escola de Idiomas, as escolas deportivas e a Escola de Informática, polas que pasaron moitos centos de veciños de todas as idades. A excusa, que non eran escolas senón cursillos. A consecuencia, a perda duns servizos públicos de calidade, gratuitos para o veciño e case gratuitos para o Concello... casualidade.

Logo o goberno do PP decidiu renunciar á Gardería Infantil Pública (Galescola) que xa estaba contratada polo goberno anterior, e que conlevaba un investimento de 550.000€ para Carnota. A excusa, esta vez, foi que estaban a procurar unha nova localización da que nunca máis se soubo en Carnota nin na Xunta... casualidade.

Por non falar do Paseo Marítimo do Pindo, porque o alcalde de Carnota manifestou reiteradamente a súa vontade de botalo proxecto abaixo, utilizando como excusa que non era o que a el lle gustaría e que había que derrubar o histórico Pósito dos Mariñeiros (que mal lle faría para obsesionalo tanto?). Sorte que, neste caso, o concello de Carnota xa non tiña competencias e non puido facer nada por evitalo... casualidade.

Pouco despois, seguindo coa súa peculiar labor destructiva, o goberno aproba unhas taxas de conexión ao saneamento de arredor de 450€ por casa, e a empresa aproveita a connivencia do goberno para comezar a cobrar o servizo a ducias ou centos de casas que nin sequera teñen saneamento no seu pobo. A excusa dada esta vez polo PP, que o mundo é inxusto. A consecuencia, un incremento brutal da presión fiscal sobre o veciño a cambio de non colocar un só tubo novo nun ano e pico... casualidade.

Tampouco a asistencia a domicilio se librou "das artes" do PP de Carnota, que implantou unha taxa polo servizo e un rosario de formularios, solicitudes e certificados que a persoa dependente debe presentar para optar sequera a ser atendida. A excusa, a racionalización do servizo. A consecuencia, de contar nalgún momento ata con 14 persoas traballando na asistencia domiciliaria pasouse a 3, e agora ademais hai que pagalo... casualidade.

O goberno anterior promovía e emprendía tarefas de limpeza e restauración do noso patrimonio tradicional. Boa proba é a rehabilitación de varios conxuntos de casetas e muíños. O novo goberno do PP non só non as promove, senón que multa aos veciños que as fan coa excusa de supostas licenzas de obra necesarias. A consecuencia, o abandono total duns conxuntos que comezaban a ver a luz nas derradeiras lexislaturas e que os veciños pensen que se as recuperan eles o concello lles vai ao peto... casualidade.

A última consecuencia máis deste “tsunami” que significou o PP para Carnota é a perda do Polígono Empresarial, pois deixou morrer de inanición un proxecto que iniciara a súa andaina no ano 2004. A excusa... esta vez nin sequera a dou. A consecuencia: o Concello de Carnota perde 4 anos de tramitación do Polígono Empresarial e vese abocado a comezar desde cero, se é que o queren... casualidade?

No BNG de Carnota pensamos que chegou o momento de esixir responsabilidades. Sería o máis normal do mundo que o equipo de goberno do PP tivera un proxecto distinto ao que o BNG desenvolviu no goberno de Carnota, faltaría máis. O que non é normal é que lle pasen o rodillo a todas as iniciativas do goberno anterior a cambio de nada, xa que nin proxecto alternativo demostran ter e só reviran dependendo de por onde lles da o vento. Porque ao final quen paga non é o anterior goberno do BNG senón todos os veciños.

Non nos queda outra que pedir sentidiño ao PP e que deixen de machacar todas as xestións herdadas: o inimigo non é o BNG, nin a Xunta ou a Deputación, nin os proxectos que se atoparon en marcha ao acceder ao goberno. O inimigo é o despoboamento, o desemprego, a perda de calidade de vida, a perda de servizos, a presión fiscal que se está a crear sobre o veciño, a perda de subvencións e axudas, a multiplicación do endebedamento, o incremento desproporcionado dos gastos en soldos políticos, o réxime de multialcaldes que estableceron nada máis tomar o poder. Cando empecen a entendelo Carnota volverá a ter goberno.

Comentarios

  1. A verdade é que o PP anda ca axenda de burradas ben completiña. O que se lle vai quedando pequena é o diccionario de excusas estúpidas. Pídollo por favor, o mellor para Carnota é que se quiten a careta e digan dunha vez que mentras eles gobernen EN CARNOTA NON SE VAI FACER NADA, para que asi se vaia enterando a xente (que aínda non o saiba) que non hai con quen contar nos 3 anos que quedan, que só se van a dedicar a encher os bolsillos a final de mes mentres botan o concello a pique sen remedio.
    O outro dia pasei polo concello e aquelo era un puto deserto: caras largas, portas atrancadas a cal e canto, xa nin sequera entra a xente pola porta cando hai so un ano era un dos lugares máis bulliciosos do concello e o ambiente era fenomenal.
    Que larga se nos vai facer esta lexislatura. Só lle deseo aos que veñan detrás todo o ánimo -e sorte- para conseguir levantar de novo esta CATÁSTROFE que fui, é e será o PP para Carnota.
    Mentras tanto da ganas de censarse en Pernambuco.

    ResponderEliminar
  2. Semana tras semana, mes tras mes, o actual equipo de goberno está demostrando que son uns completos inútiles. Só así se pode explicar que podendo facer unha lexislatura tranquila e efectiva (apuntandose os proxectos que o goberno anterior tiña aprobados e deixandoos facer), estén a escarallar todo canto tocan. É que non botan unha ao cesto! Deixan bastante claro que o único que lles interesa é encher o peto, pagar favores e sair na foto; e que só se acordan do pobo para sacarlle os cartos e poñerlle trabas.

    ResponderEliminar
  3. O problema non é só que sean inutiles, é que son ignorantes, eu non é que sea licenciada pero para min que ainda non se enteran moito de onde están nin o que teñen que facer, por eso digo que demostran moita IGNORANCIA a todolos niveles. O unico que parecen ter claro desde que chegaron é que o concello podía pagar uns poucos salarios millonarios, pero a liquidez non vai durar toda a vida e dentro dun par de anos non van ter nin para pagarlle a tanto tenente de alcalde e enchufadiño "fillo de".

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón