Saltar ao contido principal

Graciñas, Carnota

Logo duns días de necesario descanso polo duro traballo realizado durante a campaña, o BNG de Carnota xa está a traballar para organizármonos na oposición tras a perda da alcaldía que tivo lugar tras a xornada eleitoral do pasado 27 de maio, quedando o goberno do noso concello en mans do popular José Oreiro, como sen dúbida xa sabedes.

Foi esta unha campaña durante a que o BNG de Carnota fixo un esforzo humano e material sen precedentes, pero sempre centrados nunha actitude construtiva, didáctica, dialogante e tentando fuxir da acritude que desde certos sectores da vida política local se tratou de impoñer mesmo agresivamente. De feito, se algo percibiron os veciños que acudiron aos nosos mitins ou leron o noso material editado, foi a nosa idea de seguir avanzando no desenvolvemento dun municipio próximo á cidadanía e atento ás súas problemáticas, próspero economicamente, xerador de emprego e substentábel medioambiental e urbanisticamente. Presentamos un programa de proxectos consistentes e viábeis para o futuro do noso concello, un equipo de persoas moi preparadas para levalos a cabo... e nin unha soa promesa faraónica ideada cos pés postos nas nubes e coa mente posta unicamente nas eleicións do 27 de maio.

Centos de veciños acudiron a escoitar o noso candidato e as nosas propostas aos mitins que celebramos no Pindo, Caldebarcos, Lira, Lariño, Carnota e San Mamede, ás xuntanzas veciñais que organizamos en Mallou, Pedrafigueira, Lariño e Quilmas, ou aos encontros sectoriais que celebramos con todo tipo de asociacións con actividade no noso municipio. Editamos e difundimos o noso voceiro local A Moa (que xa suma 23 edicións ao longo de 11 anos), o noso programa de futuro para Carnota e un díptico-resumo das nosas propostas. Informamos de todas as actividades nas nosas páxinas web que sumaron un total de 3.617 visitas únicas só durante os quince días de campaña, o que supón unha media de 241 visitas diarias. Mesmo celebramos unha festa fin de campaña no Pindo con sardiñada e queimada popular, concursos, contacontos, teatro, actuacións folk e rock, agasallos...

Non obstante, e se ben a diferencia final foi ínfima (menos de corenta votos), foi suficiente para impedir a reedición do goberno de progreso de Carnota liderado polo BNG que a cidadanía respaldara durante os últimos 8 anos, quedando a alcaldía en mans do PP sen sequera teren feito programa eleitoral, tras catro anos sen actividade política local e cunha campaña baseada no merchandising e en pedir o voto apelando "á confianza" para facer cousas que só eles saben, e das que se negaron a falarnos.

Tempo teremos para analisar en frío e con rigor os resultados, mais agora é o momento de asumir os compromisos adquiridos coa cidadanía de Carnota organizando unha oposición dinámica e construtiva e poñendo a nosa idea de concello non só ao servizo das case novecentas persoas que respaldaron ao BNG nas urnas, senón na defensa deste fermoso municipio que é de todos e cada un dos veciños. Ese é o noso compromiso: traballo, seriedade, proxectos, propostas, diálogo, e ilusión total en isto porque nós realmente cremos en Carnota, e non o imos abandonar á súa sorte durante catro anos como antes fixeron outros por non obter nas urnas os resultados desexados.

Moitísimas grazas polo apoio amosado ao proxecto de concello liderado polo BNG, pola maré de ánimo que recibiu o novo candidato Tomé Freire e o seu renovado equipo. Vós facedes que o enorme esforzo e ilusión que puxemos nesta campaña vála realmente a pena.

Comentarios

  1. Nada, que nin dando empanadas e sardiñas!!!!!!!!

    A xente de Carnota o que quere e ter que comer o resto do ano, traballo e futuro e eso está visto que o bng de carnota foi incapaz de facelo durante moito tempo.

    ResponderEliminar
  2. Xa lle gustaría ao PP poder facer a campaña que fixo o bloque, co presuposto que tivo o bloque.

    Os peperos gastan millóns de pesetas postos polos do ladrillo e meten dúas orquestas cutres que non conocen nin seus pais, catro globos e unha pantalla xigante co careto do coxo, e ala, a xente na camiña as 12. Por certo, dise por aí que cando o coxo saiu a dar o mitin (si, señores, era unha "festa" de fin de campaña con mitin e todo) empezou a chamarlle de todo os seus opoñentes nas urnas, e polo que oín quedaron sós el e mais os catro borregos lambecús que ten con el.


    Os bloqueiros, con bastante menos de un kilo para toda a campaña, meten teatro, contacontos, sardiñada, empanada, queimada e concertos de folk e rock, e ala, festa armada ata a madrugada.




    Por certo, nunca traballou tanta xente en Carnota como nestes catro últimos anos, con Manolo, si. O coxo, polo contrario, disque xa anda decindo que vai ter que "prescindir" de traballadores.

    Por certo tamen, o equipo de goberno do BNG en funcións acaba de aprobar os obradoiros de emprego que darán traballo e formación durante un ano a 45 persoas do noso concello.
    A ver canto tarda o señor diputado ese que non ven por Carnota en catro anos en decir que eses traballos se crean gracias a el.
    Xa o veredes, poño a man no lume, porque se de algo pode presumir ese home é de ter a cara máis ancha que o capó do Mercedes novo que acaba de comprar.

    ResponderEliminar
  3. Unha pena que, a pesar da boa campaña que fixéstedes perdérades a alcaldía por unha mancheada de votos que se poden deber xa ó simple feito do cambio de candidato.
    Tomás demostrou sobradamente nesta campaña que era a mellor opción para a alcaldía de Carnota, e seguro que dentro de catro anos os veciños non terán ningunha duda.
    Non te desanimes Tomás, o pobo está contigo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...