Saltar ao contido principal

99 días sen convocarse un Pleno en Carnota

Despois de 99 días sen convocar un pleno ordinario, o Concello de Carnota volveu celebrar sesión plenaria o venres 8 de maio. Para o BNG, esta demora é unha mostra clara de como o gobeno local degrada a transparencia, o control democrático e a participación da veciñanza.

O pleno municipal é o máximo órgano de representación política do Concello. Nel están representadas as persoas elixidas pola cidadanía e é o espazo no que deben debaterse os asuntos de maior importancia para Carnota: propostas, ordenanzas, orzamentos, preguntas, fiscalización do goberno e toma de decisións públicas.

Cando non hai plenos, a veciñanza perde información, redúcese a capacidade de control sobre o goberno local, limítase a participación democrática e péchanse espazos fundamentais para coñecer, debater e propoñer.

Por iso, desde o BNG de Carnota chamouse a asistir á sesión plenaria. A presenza da veciñanza nos plenos é unha ferramenta básica de transparencia: permite coñecer de primeira man que se decide, que se oculta, que se propón e que modelo de Concello defende cada forza política.

A transparencia non consiste só en publicar documentos ou cumprir trámites, é convocar, explicar, debater, responder e render contas. Un Concello democrático non pode funcionar de costas á veciñanza nin reducir o pleno a un formalismo.

O BNG seguirá esixindo a transparencia da que fixo gala durante os seus gobernos.

Comentarios