A entrega realizárona Primitivo Pedrosa, dirixente do BNG de Carnota, xunto co deputado nacionalista Oscar Insua e o responsábel local da formación, Nando Siaba. A reclamación central é que a Xunta provea de forma urxente a praza de pediatría cun profesional médico especialista e que restabeleza tamén o servizo de enfermaría pediátrica.
O BNG sinala que desde hai máis dun ano as nais e pais veñen denunciando a falta do servizo médico de pediatría, sen que a Consellaría de Sanidade do Partido Popular cubrise a praza.
A organización lembra que a enfermaría pediátrica atendía revisións de idade, curas e vacinas das crianzas en idade infantil. A falta de pediatra obriga as familias a desprazarse até Muros, onde, segundo denuncia o BNG, o servizo está tamén máis abandonado polo Sergas.
O BNG critica ademais que o goberno galego non tivese en conta a ausencia de pediatra en Carnota no recente concurso impulsado polo Sergas para cubrir as chamadas prazas de difícil cobertura en diversos municipios. Para a formación nacionalista, isto condena o centro médico carnotán a seguir sen o servizo.
A problemática xa fora levada ao Parlamento galego polo deputado Oscar Insua, que en abril defendeu na Comisión de Sanidade unha iniciativa para esixir a recuperación inmediata dos servizos de pediatría e enfermaría pediátrica no centro de saúde. Aquela iniciativa foi rexeitada polo Partido Popular.
Primitivo Pedrosa explicou que a entrega das sinaturas pretende que a Xunta teña en conta dunha vez a demanda veciñal dun servizo esencial. O representante do BNG reclamou que o Sergas restabeleza de xeito urxente e inmediato a pediatría e denunciou o abandono que sofren os municipios rurais por parte do goberno galego.

Comentarios
Publicar un comentario