A representación galega presentou ante as institucións europeas as demandas do noso sector pesqueiro
Unha nutrida comitiva organizada a instancias do BNG e da europarlamentaria
Ana Miranda, visitou Bruxelas esta semana. No grupo participou tamén o noso flamante candidato
Milucho Louro, asi como o noso veciño
Primitivo Pedrosa, entre outros axentes sociais e tamén medios de comunicación de Galiza e da comarca. A visita, por duración de dous días, incluíu, a parte das visitas de orde á sede do Europarlamento e á Comisión de Pesca, unha axenda de encontros e reunións nos que os axentes sociais puideron expor as súas inquedanzas e tamén efectuar as súas demandas.
 |
| Representantes da Costa da Morte. Fonte: QPC |
O luns a axenda pasou por unha entrevista con
Gabriel Mato, poñente do informe aos Fondos Europeos de Marisqueo e Pesca 2021-2027, ao que lle trasladaron as inquedanzas do sector pesqueiro galego, que o BNG presentará en forma de enmendas. O responsábel do informe amosou bo talante e mesmo dixo asumir a totalidade das demandas que se lle transmitiron.
Logo tivo lugar unha xuntanza con
Brian O´Riordan, responsábel da Plataforma LIFE - Pescadores de Baixo Impacto Ambiental, organización de pescadores artesanais a nivel Unión Europea cuxa función é facer chegar as reclamacións do sector diante da Comisión Europea.
Finalmente a axenda concluiu, xa o martes, cunha visita á Comisión de Pesca e cunha xuntanza con
Elisa Roller, xefa de Unidade da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e responsable dos Fondos Europeos de Marisqueo e Pesca 2021-2027.
 |
| Reunión con Elisa Roller. Fonte: QPC |
A actividade encadrouse nunha iniciativa da Unión Europea a prol da transparencia que permite a cada grupo organizar anualmente visitas á institución europea; o BNG quixo aproveitar este cupo para trasladar as demandas dun sector, o pesqueiro artesanal de baixura e o marisqueiro, cuxo substento e capacidade productiva depende moi estreitamente das decisións políticas que se adopten nese foro. Por iso agardamos que a visita tivese sido do proveito dos asistentes e ter axudado a que este sector teña máis oportunidades de reforzar o seu papel coma motor socioeconómico de Galiza.
 |
| Representantes do sector na sede do Parlamento Europeo. Fonte: QPC |
Comentarios
Publicar un comentario