Saltar ao contido principal

O BNG traslada ao Parlamento o retraso nas obras de saneamento en Carnota

Luís Bará: “Leva dez anos de demora e estamos ante un problema de saúde, de contaminación e de imaxe nunha zona de gran afluencia turística”

O BNG trasladou ao Parlamento o longo retraso acumulado nas obras de saneamento na localidade do Pindo no Concello de Carnota, o que deriva nun problema de saúde pública, ambiental e mesmo de imaxe nun municipio que ten unha gran actividade turística pois conta con dous dos reclamos do patrimonio natural máis importantes e valiosos de Galiza como é a fervenza do Ézaro e o Monte Pindo.

“Parécenos bochornoso, escandaloso, vergonzoso, que a obra estea aínda sen rematar, entendo as dificultades, pero tras o tempo transcorrido é incomprensible que estean sen finalizar, e de aí a mobilización veciñal ante unhas verteduras que son moi preocupantes”, salientou o deputado Luís Bará, portavoz do BNG na Comisión de Política Territorial, mentres mostraba imaxes deses vertidos ao director de Augas de Galiza, Roberto Martínez a quen pediu explicacións polas obras.

“Nesta zona hai grandes carencias de saneamento que podemos ver nesas verteduras, recalcou, entendemos a complexidade orográfica da costa pero o proxecto de saneamento do Ézaro e do Pindo está licitado por Augas de Galiza desde 2008, e tras dez anos as obras seguen sen rematar coas graves consecuencias sanitarias e ambientais e tamén de impacto en relación ao turismo”, subliñou Bará.

O propio responsable da empresa pública admitiu na súa comparecencia a “inusual” demora da obra, incluso cando pese a tratarse dunha infraestrutura complexa. “A veciñanza de Carnota xa se lle acabou a paciencia, despois de que en uutubro o alcalde, o nacionalista Ramón Noceda, mantivese un encontro coa Xunta se recibir un prazo concreto de finalización das obras”, indicou Bará.

“Somos conscientes de que se trata dun colector longo, que vai por toda a costa até chegar a EDAR de Carnota á altura de Quilmas e Caldebarcos, pero estamos no mes de abril e o problema sen resolver, un problema de saúde, contaminación e imaxe con vertidos de fecais da rede antiga porque non hai un colector no que verter. Hai un problema grave para a saúde que mesmo deu pé a denuncias no Seprona e ante a Fiscalía pola calidade das augas”, salientou o deputado, a quen o responsable de Augas de Galiza lle comunicou que as obras estarían rematadas “en semanas”.

Nada concretou sen embargo a Xunta en relación aos problemas de saneamento na parroquia de Lariño, pola que tamén interpelou o deputado do Bloque, pese a que a mesma Augas de Galiza ten un proxecto cun orzamento superior aos 900.000 euros desde 2010. Bará reiterou a demanda de que finalicen as obra dunha vez para solventar o problema de saneamento no Concello de Carnota, como demanda o goberno local e a veciñanza, ao tempo que reclamou da Xunta un fondo con criterios claros para que os municipios podan sufragar obras de saneamento, como teñen as deputacións da Coruña e Pontevedra.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...