Saltar ao contido principal

Ana Pontón pide desde Carnota a Feijóo que se reúna cos axentes sociais e pare a venda das centrais


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo esta mañá en Carnota un encontro cos alcaldes e edís nacionalistas da Costa da Morte para visibilizar o apoio do BNG ás demandas do cadro de persoal de Ferroatlántica, que pasan por evitar a segregación e venda ilegal das centrais do Xallas anunciada polo grupo empresarial do agora imputado Villar Mir na Operación Lezo por presunto financiamento ilegal do PP.

“Pasaron moitos meses desde a última reunión en novembro de Núñez Feijóo cos alcaldes de todos os concellos implicados, o comité de empresa leva tamén meses petando na porta da Xunta par manter un encontro co conselleiro de Industria e como resposta so vemos un silencio que non axuda a calmar os ánimos senón que introduce máis incerteza sobre o futuro das plantas”, explicou Pontón tras o encontro.

Por iso, o BNG demanda do Goberno galego “transparencia”, que para a portavoz nacionalista “significa reunirse de novo con todos os axentes políticos e sociais da comarca e mandar unha mensaxe moi clara, a que están esperando miles e miles de persoas en todos os concellos afectados: Que as centrais do Xallas nin se venden, nin se segregan”.

Desde aquel encontro, Ferroatlántica anunciaba nos mercados internacionais a venda das centrais eléctricas, “a espera da autorización do Goberno”, ao tempo que enviaba un ultimato á Xunta poñendo como data límite para esa autorización o 31 de maio.

“Urxe unha posición clara de Feijóo e dicirlle con rotundidade a Ferroatlántica que non fai falta que presente ningún documento de solicitude de autorización ante a Xunta, porque todo o mundo sabe que esa operación só ten como obxectivo que Villar Mir faga caixa coa venda dunhas centrais que son un ben público”, argumentou.

Pontón considera que se alguén tiña dúbidas quedaron despexadas coa imputación do empresario na Operación Lezo que investiga un caso de presunto financiamento ilegal do PP. “Fronte iso a Xunta ten que apostar pola máxima transparencia e por iso desde o BNG pedimos a creación dunha comisión de investigación que analice todas as concesións públicas ao grupo de empresas de Villar Mir, en particular os expedientes de concesión das centrais”, reclamou Pontón.

O BNG xa ten rexistrada unha iniciativa con esta demanda que será debatida no pleno parlamentario da vindeira semana.

“Consideramos, igual que os traballadores e traballadoras, igual que a veciñanza dos concellos afectados e igual que calquera persoa con sentido común que é unha vergoña que este empresario leve décadas facendo negocio coas centrais, mesmo hipotecandoas para conseguir cartos que despois investiu fora de Galiza, mentres as fábricas que ten aquí non teñen investimento algún e deixan que se deterioren xogando co pan de centos de familias”, concluíu a dirixente do Bloque.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...

Carnota -e Galiza- existe no Congreso grazas ao BNG

O BNG de Carnota pon en valor que Carnota apareza no Congreso dos Deputados grazas ao traballo institucional do Bloque Nacionalista Galego. A publicación parte dunha análise de Newtral sobre as preguntas rexistradas no Congreso , na que se recollen máis de 40.000 preguntas ao Goberno durante a lexislatura. Nese mapa de actividade parlamentar, Carnota aparece como un dos concellos polos que houbo iniciativa institucional, e de feito, as 5 veces que se mencionou no Congreso foi por boca de  Néstor Rego , único deputado do BNG. Lembramos que Galiza conta, cando menos na teoría, con 23 representantes na cámara baixa do estado español. Para o BNG de Carnota, isto demostra unha cuestión clara: se está o BNG Galiza está, e cando Galiza conta con voz propia nas institucións do Estado, tamén os concellos pequenos podemos aparecer na axenda política. Carnota non pode depender de que outros falen por nós nin de que as grandes forzas estatais lembren os problemas do noso pobo só cando lles c...

A Moa nº 38: Eleccións Municipais 2023

O BNG de Carnota lanza o seu mítico voceiro local A Moa , revista decana da comunicación política en Carnota que suma a 38ª edición en máis de 27 anos de traxectoria. Este número evidentemente céntrase na próxima cita coas Eleccións Municipais, cuxa campaña electoral comeza esta noite. Contidos: A experiencia ao servizo da veciñanza A nosa candidatura Lembras cando en Carnota...? O noso programa Sabías que... 40 anos da chegada do BNG á alcaldía de Carnota Entrevista ao candidato 4 anos na oposición Entrevista a Ana Pontón