Saltar ao contido principal

Carnota logra un remanente de tesoureiría positivo por primeira vez nunha década


Resumo do pleno de 09/03/16

O esforzo de saneamento economico das arcas municipais permitiron ao goberno local de Carnota liquidar o exercicio de 2015 cun remanente positivo de tesoureiría duns 206 mil euros. É a primeira vez nunha década que Carnota remata o ano en positivo, algo que parecía impensábel en exercicios anteriores e sobre todo logo da última etapa do PP no goberno, que ofreceu sempre remanentes negativos de entre -1 e -1,3 millóns de euros.

O BNG de Carnota agradece á veciñanza a súa gran paciencia e colaboración que permitiron ao goberno con paso lento pero seguro lograr este fito histórico, pois sabemos que houbo asuntos de importancia que tiveron que quedar no tinteiro estes anos, por culpa dunha situación económica pésima que obrigou a antepoñer o pago de facturas a outras cuestións. Sen embargo, o esforzo de todos os veciños e todas as veciñas tivo os seus froitos e hoxe afrontamos o futuro con moita máis ilusión e confianza na viabilidade económica do noso municipio.

Porén a situación non pode darse aínda por definitivamente superada. O actual executivo nacionalista herdou en 2011 do anterior goberno do PP débedas bancarias por 8 préstamos por un importe total de 5,16 millóns de euros dos que aínda temos pendentes 1,6 millóns de euros (un 32%) que o goberno fará todo o posíbel por liquidar canto antes para poder dicir moi pronto que o Concello de Carnota está por fin saneado e sen pufos.

Novos orzamentos para que Carnota recupere a senda do investimento público
A sesión serviu para aprobar os orzamentos municipais do 2016, co apoio da maioría dos concelleiros á proposta presentada polo goberno; PP e PSOE abstivéronse malia non ter presentado ningunha enmenda ao texto. Carnota prevé ingresar este ano uns 3,66 millóns de euros, dos que 2,94 corresponden a ingresos correntes e 0,74 a ingresos de capital. Pola contra o noso municipio gastará uns 3,61 millóns de euros, dos que 2,88 se destinarán a gastos correntes e 735 mil euros a investimentos públicos, dos que só aportará de recursos propios menos de 53 mil, é dicir, apenas o 7,21% do total que Carnota investirá no 2016.

Sen dúbida estamos ante unha boa nova pois estas cifras melloran o nivel de investimentos de etapas anteriores, e de feito son un 10% superiores aos primeiros orzamentos do anterior goberno do PP, os de 2008, cando daquela ainda apenas comezaba a falarse da crise económica.

Estes investimentos desglosaranse do seguinte xeito: 
  • Centro Sociocultural Usos Múltiples O Viso (200.000 €; esta polémica obra absorbe ademais a maior parte da achega propia que ten que facer o concello, 40.000€)
  • Rede de pluviais na Pedra en Lariño (79.317 €)
  • Rehabilitacion de Parque Infantil en Mar de Lira (77.317 €)
  • Acondicionamento e mellora de varios camiños veciñais (62.048 €)
  • Saneamento e pluviais en Vilar de Carnota (55.696 €)
  • Saneamento e pluviais en Caldebarcos (54.428 €)
  • Obras de conservacion de instalacións deportivas en Carnota (37.257 €)
  • Pavimentación do Camiño de Carnotela a Carnota (36.190 €)
  • Peche perimetral de contedores de lixo (34.689 €)
  • Saneamento e pluviais en Sestelos (34.291 €)
  • Obras de mellora na Biblioteca do Concello (30.966 €)
  • Obras de conservacion na área de ocio de Louredo (30.166 €)
  • Adquisición de terreos (1.100 €)
  • Investimentos Promoción Turística (1.000 €)
O Concello xa ten por fin a súa RPT
Por outra parte, a Relación de Postos de Traballo (RPT) xa é tamén unha realidade logo da súa aprobación pola corporación co voto en contra de PP e PSOE. O documento sirve para clarificar os postos de traballo necesarios na plantilla municipal, as súas funcións e retribucións. É un documento obrigatorio para todos os municipios, malia o cal o de Carnota non o tivo ata agora, despois de varios meses de negociacións nas que o PSOE e o PP fixeran fronte común para tentar aproveitar o debate para confundir e enfrentar aos traballadores entre si e contra o goberno local. Malia todo finalmente foi posíbel o consenso cos traballadores para acadar un acordo satisfactorio que sen dúbida beneficiará no presente e no futuro aos empregados e empregadas públicas do noso Concello.

O pleno apoia sumar media dedicación ao goberno
Como ben sabe a veciñanza, a crítica situación das arcas municipais, daquela ao borde da intervención, levara no ano 2011 ao BNG a defender con firmeza na campaña electoral a proposta dunha única dedicación exclusiva, a do alcalde, por un importe nunca superior aos 2.000 euros mensuais. Esa proposta fíxose realidade só unha semana despois de obter o BNG a alcaldía.

5 anos despois e logo dun inmenso esforzo de contención do gasto, a actual situación económica permite, por fin, afrontar o futuro con garantías e mesmo valorar a posibilidade de sumar unha media dedicación á do alcalde para apoialo nas súas tarefas. A proposta vén de ser apoiada pola inmensa maioría dos concelleiros, e servirá para apoiar ao alcalde no seu día a día a un custo máis que asumíbel para as arcas, pola metade exacta do que vén percibindo o alcalde Moncho Noceda. Asi, de aplicarse a nova proposta, os soldos políticos do Concello de Carnota pasarán dos 28.000 aos 42.000 euros anuais, menos da terceira parte do que se cobraba no ano 2010, último do PP no goberno de Carnota.

Serie histórica dos gastos políticos de Carnota. En 2016, coa nova proposta.

Comentarios

  1. son de lira18/12/16, 18:39

    todo mentira, para gastarse 31 mil euros na biblioteca do concello xa ai que ter huevos. e que eu sepa arreglar un parque infantil en LIRA non creo que coste 77 mil euros,,e obras de conserbacions deportivas en carnota 37 mil euros, e donde esrtan todas estas milloras que vostedes din.

    ResponderEliminar
  2. outro de Lira22/02/17, 13:22

    "son de lira" xa se ve que muito non vas pola biblioteca porque si foras verias que mete medo cas humedades que ten. supoño que do demas que falas tes a misma idea (o sea ninguna) e si vas a chamar mentireiro a alguen polo menos trae probas homiño.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...