Saltar ao contido principal

Ramón Noceda aspira a revalidar a alcaldía de Carnota

Moncho Noceda nun acto en defensa da pesca artesanal o pasado sábado
A Asemblea Local do BNG de Carnota elixiu esta fin de semana a súa figura de saída na que será a candidatura do BNG - Asembleas Abertas nas próximas eleccións municipais, estimadas para maio de 2015.

A única candidatura presentada, a do actual alcalde Ramón Noceda, contou co apoio unánime da militancia para traballar por revalidar a alcaldía de Carnota nesta nova e ilusionante etapa, toda vez que a situación economica do Concello se conseguiu normalizar evitando a intervención á que parecía irremediabelmente abocado no inicio do mandato.

O noso punto de partida era ter que facer fronte a unha débeda municipal cercana aos 5 millóns de euros, que se conseguiron minimizar durante este mandato. Se ben a situación actual será detallada nunha vindeira carta da alcaldía a todos os veciños, continuando co compromiso de transparencia que adoptou o BNG no seu programa electoral, xa podemos anticipar que a nova situación do concello permite ser optimistas tanto co cumprimento da maioría das iniciativas programáticas que 1043 veciños respaldaron no ano 2011 coma coa propia viabilidade do Concello de Carnota, que estaba seriamente ameazada.

Daquela altura o noso lema era que Carnota ten futuro. Estes catro anos, a pesar dos moitos atrancos que tivemos que soportar e dos sacrificios que tivemos que asumir, conseguimos demostralo: hoxe Carnota xa non está nas listas negras nin se pon como exemplo do que non se debe facer. É un municipio viábel e solvente, que dedica os seus recursos ao benestar da veciñanza e non a engrosar o patrimonio personal dos seus mandatarios. Agora ese futuro posíbel debemos construílo entre todos e todas.

Man tendida ás novas sensibilidades e aos descontentos co bipartidismo
Ramón Noceda Caamaño, natural de Lariño, liderará deste xeito unha candidatura que avogará pola renovación en todos os sentidos, na que se buscará contar cun maior número de persoas independentes e tamén incorporar a xente nova que nutra de ilusión e novos proxectos a candidatura nacionalista no noso municipio. Asi mesmo, a candidatura do BNG tenderá a man á integración de persoas sensíbeis ás correntes políticas que esixen a ruptura definitiva cun esquema bipartidista podre e salpicado de corrupción, asi coma ás moitas persoas descontentas coa actitude desas forzas estatais que tratan de perpetuar un sistema en fase terminal no que a cidadanía xa non confía a resolución dos seus problemas.

Asembleas veciñais para confeccionar, entre todas e todos, a Carnota do futuro
O BNG abre agora unha etapa de consultas directas cos veciños de Carnota para ir perfilando a candidatura e o proxecto que someteremos ao proceso electoral de 2015. Isto farase mediante unha nova rolda de asembleas nos distintos lugares, para informar da nosa xestión durante ese mandato e identificar erros e acertos recollendo todas aquelas críticas, suxerencias e demandas veciñais, e concretar no próximo programa os retos que as veciñas e veciños de Carnota deberemos afrontar os próximos 4 anos.

Agardamos poder contar con toda a veciñanza nos meses que nos restan ata a vindeira cita electoral, como se contou plenamente nos anteriores para desenvolver o día a día da nosa acción política, pensado por e para todos e cada un dos veciños de Carnota, para seguirmos construíndo futuro.

Comentarios

  1. Moita sorte Moncho, se alguén merece a alcaldía de Carnota es ti, desmostrástelo estes catro anos.

    ResponderEliminar
  2. Gracias moncho por danros unha lección o que é e debe ser un alcalde: honrado, humilde, que non se agocha do seu pobo senón que da a cara onde fixera falta. Muito ánimo e sigue asi.

    ResponderEliminar
  3. Só podo decir que cando me fixo falta a súa axuda, aí estivo. Moncho non foi un alcalde, nin foi un político, antes que nada foi persona e iso temos que agradecerllo. O meu voto e o dos meus xa o tes. Moita sorte.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...