Saltar ao contido principal

A iniciativa veciñal recupera o protagonismo nun concello que precisa de todas e todos

Os difíciles tempos que vivimos e a consabida escasez de recursos obrigan a facer da imaxinación unha compañeira inseparábel de traballo. Isto entendeuno o BNG de Carnota desde o mesmo momento de tomar posesión, e sobre todo tras tomar coñecemento da inxente débeda que está a esganar o municipio e a limitar a capacidade do novo executivo. Aínda así, o BNG de Carnota fixo todo o posíbel por ir cumprindo aqueles obxectivos máis prioritarios que se tiña marcado, e que pasan por recuperar a iniciativa veciñal que levaba anos atenazada, e darlle un lugar prioritario na vida local con obxecto de dinamizar o noso concello e aproveitar o traballo e a experiencia de colectivos que levan décadas de traballo en beneficio de todos.

Consello Local do Mar
Membros do Consello Local do Mar
Esta semana creouse un organismo destinado a aglutinar e coordinar as iniciativas e os esforzos dun sector socioeconómico fundamental no noso municipio, o da Pesca e o Marisqueo: o Consello Local do Mar. Esta aposta figuraba no apartado 3.2 do Programa de goberno do BNG de Carnota e que se ben nun principio prevía integrar ao Concello e ás Confrarías de Lira e do Pindo, a proposta mellorouse coa incorporación do sector acuícola representado en Stolt Sea Farm e os deportes acuáticos en Nalú.

Rexistro Municipal de Asociacións
Unha das grandes carencias que a veciñanza viña denunciando nos últimos anos debíase ás diferencias no trato coas distintas asociacións do noso municipio. Ata o momento isto facíase en función da vontade do alcalde ou do executivo de turno, de xeito que algunhas entidades víñanse sentindo discriminadas e perxudicadas nos últimos anos.

Para normalizar estas relacións de xeito que todas as entidades sociais de Carnota teñan un acceso igualitario á información e proxectos, a iniciativa do Rexistro Municipal de Asociacións, incluído no punto 3.2 do noso programa, xa é unha realidade que integra todas as asociacións activas do noso concello que se axustan á lexislación vixente. Isto permite estabelecer unha comunicación fluída e transparente tanto do concello cara aos colectivos como á inversa, que xa fructificou en varias colaboracións moi positivas como nos Entroidos ou na Mostra de Promoción Local que imos explicar de seguido.

I Mostra de Promoción Local "Víndemo Ver"
Para dinamizar a vida local, darlle un espazo propio a artesáns e produtores do noso municipio, e poñer o noso municipio nun lugar destacado da axenda de Semana Santa, o Concello de Carnota organizou a I Mostra de Promoción Local "Víndemo Ver", un evento que ao longo de catro días asulagou con propostas lúdicas, culturais e informativas a vida da nosa veciñanza cun custe mínimo para as arcas municipais. Feira ecolóxica e de artesanía, ruta BTT que congregou a máis de 300 participantes en torno á Senda Verde, conferencias sobre medio ambiente, turismo e agro, subida ao Monte Pindo, actuacións musicais ou a primeira Exposición de Autocaravanas celebrada en Galiza foron só algunhas das actividades que atraeron a Carnota miles de visitantes o 5, 6, 7 e 8 de marzo e que o Concello considera un éxito rotundo que invita a repetir en anos ou meses vindeiros.

O custo total do evento ascendeu a 3.246,97€, desglosados en loxística dos mercados (2.627,22 €), agasallos AGA (100€) e loxística da ruta BTT (463,65 €), un gasto máis que aceptábel á vista da afluencia de veciños e visitantes, a recadación das barras (que se repartiu como axuda entre as Asociacións participantes) ou a sensación que nos transmitiron veciños, artesáns, produtores e comerciantes.

O éxito da iniciativa foi posíbel grazas á colaboración das seguintes persoas e entidades: Concello de Noia, Confrarías de Pescadores de Lira e O Pindo, Deputación da Coruña, Asociación Neria, GDR Costa da Morte, GAC 4 (MarGalaica), Nalú, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Cooperativa Raíña Lupa (Quilmas), Asociación Galega de Autocaravanas, Asociación Cultural Canle (Lira), Asociación O Patín (Carnota), Comisión de festas de San Mamede, D. Francisco Lago Formoso, D. Juan Carlos Domínguez Castro, D. José Antonio Saborido Caamaño,o corpo de voluntarios e voluntarias que axudaron na BTT, na feira e nas demostracións, os grupos de música Tamtotem, Filloas On The Stone e Grupo de música tradicional da ANPA de CPI de Carnota... e por suposto a Policía Local, o departamento de Obras e Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Carnota que co seu inmenso traballo conseguiron que a Mostra fora intachábel.

Marcha polo Parque Natural do Monte Pindo
Como non podía ser doutro xeito, o Concello de Carnota volcouse no seu respaldo da mobilización convocada o pasado 14 de abril pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. E faino co convencemento de que esta iniciativa pode transformar positivamente a realidade do noso concello asi como o de toda a nosa comarca, pois ademais de garantir a protección do macizo granítico cunha figura moito máis flexíbel, efectiva e participativa que as actuais, fornecerá de investimentos e de determinadas ferramentas para promover o desenvolvemento substentábel de todo o entorno, atraer un turismo de calidade, incrementar a prioridade do noso municipio á hora de optar a proxectos e investimentos e ofrecer moitos outros beneficios ao conxunto da poboación.

Por isto este apoio non é puntual, senón que culmina unha serie de contactos e colaboracións entre o goberno municipal e a propia entidade, que xa embocou en varias xuntanzas de traballo con ADEGA, o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, ou o propio Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente e responsábel inmediato da declaración. Asi mesmo, o Concello facilitou un espazo propio ao colectivo durante a I Mostra de Promoción Local para poderen informar da iniciativa e organizar unha concurrida visita ao Olimpo Celta.

Grazas a estes contactos, hai importantes proxectos en marcha que van máis aló da propia declaración do Parque Natural, que dos que iremos informando puntualmente neste espazo asi como nos medios de difusión dos que dispón o Concello.

Deportes e lecer
Por segundo ano Carnota acolleu o Campionato Intercomarcal de Fútbol Sala de campións comarcais, cita que se viu reforzada este ano coa participación da categoría infantil. Esta aposta polo deporte de base complétase cunha extensa oferta de actividades culturais e lúdicas para todas as idades, que a pesar das dificultades economicas que vivimos, son referenciais en toda a nosa comarca e sitúan a Carnota como un dos maiores centros culturais do noso entorno.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...