Saltar ao contido principal

O alcalde insinúa sen probas que a oposición está detrás dunhas pintadas aparecidas na Casa do Concello

En busca do protagonismo perdido, o PP de Carnota recurre agora ao vitimismo e ás inxurias para adquirir un novo titular na prensa.

Unhas pintadas son agora o motivo de que o concello de Carnota volva á palestra mediática, lamentabelmente. Asi, unhas pintadas alusivas ao desgoberno de Carnota aparecidas na noite do 16 convertéronse, tras pasar pola factoría de demagoxia do PP, en mostra da "falta de alternativa" dos grupos da oposición. Delirante.

O peor de todo non é que a falta de proxecto o PP precise inventar algo do que falar, senón que o seu círculo de sicarios políticos -en concreto un dos grandes favorecidos polo escándalo dos sobresoldos a colaboradores do PP- sinalou con nome e apelidos un veciño do noso concello, militante do BNG, ao que tamén se lle acusou duns desperfectos nas instalacións deportivas da UD Carnota, que presuntamente tiveron lugar case unha semana despois.

Precisamente foi un dirixente desta entidade deportiva o que se puxo en contacto vía telefónica co militante nacionalista para recriminarlle os danos producidos nas instalacións do clube de fútbol, e de paso advertirlle que as gravacións rexistradas polas cámaras de seguridade da policía municipal o identificaran como autor das polémicas pintadas, segundo soubera por fontes do Concello.

Ante a gravidade destas acusacións, o compañeiro do BNG, que paradoxalmente leva varias semanas desprazado de Carnota por motivos laborais, púxose en contacto coa policía local para verificar estas afirmacións, sendo un axente o que o informou de que non só non tiñan ningún cargo na súa contra senón que os verdadeiros autores dos feitos denunciados non estaban identificados en absoluto.

Pois ben; malia carecer de probas, o alcalde de Carnota non desperdiciou a oportunidade de mentirlle á prensa e a toda a veciñanza asegurando literalmente que "temos perfectamente identificados aos autores" asi como "se esta é a alternativa ao goberno local que propoñen, boas nos esperan", insinuando deste xeito unha autoría por parte dos partidos da oposición.

Lamentamos que o desnorte político do PP chegue ata os extremos de incriminar a persoas inocentes, e queremos transmitirlle ao goberno municipal que se pensan que dous garavatos nunha fachada os van librar do inmenso descontento veciñal pola desfeita que están causando no Concello, boa lles espera.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...