Saltar ao contido principal

O alcalde convoca un pleno para darse o gusto de expulsar ao BNG

Sen ter recibido a información en tempo e forma, o BNG tivo que asistir "a cegas" ao pleno convocado onte polo goberno municipal.

Foto de arquivo dun pleno en Carnota.Logo dun fugaz sorteo dos compoñentes das mesas electorais para as vindeiras eleccións europeas (tan atropelado que nin sequera comunicaron os nomes resultantes), o alcalde José Oreiro deu paso a un dos espectáculos políticos máis vergonzosos que se lembren en Carnota: A reprimenda do PP ao BNG por ter difundido os desorbitados salarios que o goberno do PP de Carnota vai a percibir segundo recollen os orzamentos que acaban de presentar e aprobar en solitario.

Tras unha intervención monológuica do alcalde e dos seus números 2 e 3, repleta de ataques contra o BNG e negándolle aos nosos concelleiros toda posibilidade de intervir ou defenderse por moito que a pediran, o alcalde, visibelmente alterado, rematou ordenando á policía municipal que expulsara da sesión aos concelleiros do BNG.

Desde o BNG manifestamos que o PP acaba de cruzar a delicada barreira politica que todos críamos superada hai máis de trinta anos, ao tratar de censurar a nosa voz, os nosos "panfletos", e sobre todo o noso dereito de informar á veciñanza sobre uns datos que son públicos e que se atopan recollidos literalmente nos orzamentos municipais, a disposición de todo veciño que queira consultalos.

Sobre eses datos, reiteramos o que xa dixemos no seu momento: Un concello coma Carnota non pode permitirse custear 145.000€ anuais a catro políticos do PP, é financieiramente suicida e mesmo obsceno para todos os veciños que as pasan canutas para chegar a fin de mes. Volvemos esixir que supriman cando menos dous deses salarios e reduzan o salario do alcalde a uns niveis coherentes coa solvencia financieira do noso concello no momento de crise actual, que desgrazadamente está moi lonxe de permitirnos asumir as 715 mil das antigas pesetas que o señor Oreiro quere cobrar cada mes.

A pesar das ameazas e os insultos desta clase política do PP metida a clase represora, no BNG sabemos que existe algo chamado liberdade de expresión, polo que anunciamos que ata que se cumpra a nosa demanda imos seguir informando a toda a veciñanza sobre a cuestión dos salarios abusivos do PP, e nunca por un afán de revanchismo ou vinganza, senón porque (1) son datos oficiais e (2) forma parte do noso compromiso ineludíbel cos veciños de Carnota, que hai dous anos decidiron democraticamente que nós debíamos liderar a oposición.

Por último, o compañeiro e concelleiro Euloxio Franco Barba desexa aproveitar estas liñas para referirse aos berros lanzados desde algúns sectores reaccionarios presentes entre o público do pleno, que aludiron de xeito despectivo á súa condición de emigrante retornado de Euskadi. Euloxio manifesta que esta condición, lonxe de resultarlle avergonzante, éncheo de satisfacción e agradecemento pola nación que o acolleu cos brazos abertos cando el e a súa familia o precisaron, por non poder vivir dignamente en Galiza no tardofranquismo que agora algúns parecen botar de menos.




Comentarios

  1. Carnotán darriba14/05/09, 23:19

    Hai dous anos o goberno previu investir 56 veces máis en Carnota do que cobraban os seus políticos.
    Este ano o PP prevé investir 4,5 veces máis en Carnota do que pretenden cobrar os seus políticos. Queda claro o que pasa, non?
    Pódenme denunciar a min tamén, xa que van estar rascando os huevos durante dous anos así polo menos entretéñense pleiteando.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...