Saltar ao contido principal

Cachamos ao PP nunha nova mentira

A actitude do goberno do PP de Carnota vai recordando cada vez máis á tradicional canción infantil: "Vamos a contar mentiras, tralará...". Non lles chega con botar case dous anos dicindo que está tan arruinado que non pode facer nada (excepto pagar favores), agora sorpréndenos en varios medios cunha nova trola, desas de libro. Citamos literalmente un párrafo da nota de prensa enviada polo concello de Carnota:
O xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, mantivo o pasado venres 2 de xaneiro, en Carnota un encontro co rexedor, José Oreiro, para definir as actuacións previstas no municipio que contan co financiamento do Ministerio de Medio Ambiente. Durante esa reunión, definiron os pormenores dun proxecto de nova factura, a aplicar no entorno do faro de Lariño.
Hai que ter morro; se o alcalde fose Pinocho, xa lle chegaría o naris á depuradora da conserveira -válla a redundancia-. Porque despois de máis de 3 anos sen preocuparse para nada do proxecto -case 2 deles estando no goberno-, que saia agora na prensa colgándose a medalla fainos rir bastante.

En efecto, para aqueles que poidan descoñecelo, o desenvolvemento desta iniciativa remóntase varios anos atrás, nomeadamente ata unhas fructíferas xestións do alcalde nacionalista Xosé Manuel García co propio xefe da Demarcación, Rafael Eimil. Por se existe algunha dúbida, o proxecto mesmo figurou no noso último programa electoral, en mitins, e foi citado en multitude de artigos publicados polo BNG antes e despois das eleccións. Só algúns exemplos:
Xa vedes que o noso non son as mentiras, senón as probas que demostran que a corporación actual e o PP nada tiveron que ver co dito proxecto, pois nunca o nomeou nin moito menos o defendiu, nunca o levou no programa (en realidade nin sequera fixeron programa), e ata agora tampouco falara do proxecto co xefe da Demarcación de Costas, que nós saibamos.

Para darlle un xiro máis dantesco (se cabe), imos atrevernos cunha pequena dramatización de como puido ser o asunto:
Tuuuuuut, tuuuuuut...
- Diga?
- Señor alcalde? Son Rafael Eimil, xefe da Demarcación de Costas, e téñolle boas noticias: O arranxo do entorno do faro vai para adiante!
- (...) O que?
- Aquel proxecto para o arranxo do entorno de Punta Insua, home, non sabe?
- Pois nin idea do que me fala, creo que se confundiu.
- Non me confundín, non. ¿Sabe que hai un faro en Lariño...
- Si! E é moi bonito!
- (Ufff...) Déixeme rematar, ho. O que lle dicía, que había un proxecto interesantisimo para adecentar o entorno dese faro, rehabilitar a zona para o disfrute de veciños e visitantes... e por fin se vai poder executar, despois de tantos anos ás voltas. Só era para comunicarllo...
- (...)
- Segue aí?
- Mire, ten que perdoarme pero teño que deixalo, teño que redactar urxentemente unha nota de prensa informando do meu primeiro proxecto de nova factura en todo o que levo de goberno, que se enteren todos! Vivaaaa! Iepaaa! Iupiiii! [os berros de xúbilo vanse alonxando]
- (Pffff...) Vai, ho, vai...
Piiiii, piiiii, piiiii...
Bromas aparte, o BNG de Carnota congratúlase de que ante a absoluta falta de ideas e proxectos da actual corporación municipal, polo menos agora comece a permitir que se executen os proxectos que a anterior corporación municipal do BNG deixou xestionados. Mágoa que a Galescola, a Residencia e o Parque Empresarial non correran a mesma sorte que a rehabilitación do entorno do faro de Punta Insua en Lariño. Mellor que se fagan e que o alcalde quede en ridículo simulando que son xestións súas, a que non se fagan e que o alcalde se invente unhas escusas tan absurdas que non fan nin gracia.



Comentarios

  1. Ó alcalde estáselle vindo o mundo enriba... sin unha licencia de urbanismo que conceder, co presuposto agarrado polos chuPóPteros que ten ó redor, sin ideas nin proiectos, sin un equipo que sirva para algo. Non me estraña que só lle quede a vía da mentira e da ocultación. No seu blog xa non é que leve meses sen poñer nada, é que leva desde setembro sin deixar publicar ningún comentario. Na web só pon chorradas e máis chorradas.
    Oreiro é como o avestruz, cando veñen os problemas enterra a cabeza no chan. E o reló non perdoa: tic tac, tic tac señor Oreiro...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...