Un estudo realizado por Vicepresidencia e baseado en enquisas telefónicas a máis de 700 pais de nenas e nenos usuarios das Galescolas desvelou que o 90% se amosa satisfeito con esta iniciativa desenvolvida polo BNG e que xa conta con 210 centros en toda Galiza (92 deles construídos só nesta lexislatura), prestando cobertura actualmente a arredor dun millón de cidadáns da nosa nación, como concluíu outro estudo publicado recentemente.Os aspectos máis valorados polos familiares son os equipamentos, atencións e servizos prestados por estes centros, e a súa calidade en xeral. De feito, instalacións, confort e material son os factores que xeran un maior grao de satisfacción, e moi especialmente o lugar onde se ubican estes centros, que o 95,1% dos entrevistados cualifica de bo ou moi bo.
Unha porcentaxe que supera o 90% avaliou tamén o bo funcionamento referido a información e matrícula, período de adaptación, funcionamento diario, resolución de problemas, atención personalizada e clima de confianza reinante. A implicación directa dos familiares no programa educativo (mesmo nalgunhas actividades de aula) motivaron tamén os eloxios destas familias á innovadora filosofía que envolve as Galescolas. Ademais, a meirande parte dos entrevistados quixeron salientar a gran profesionalidade das persoas ao coidado dos seus cativos.
Vicepresidencia pretendía con este estudo coñecer o grao de satisfacción dos usuarios con todos os parámetros que abranguen á atención aos seus fillos así coma recoller as súas suxerencias para seguir mellorando a oferta existente. Así, o 63,2% das familias entrevistadas aseguran que a oferta xa está completa, mais é aínda un 33,1% que bota en falta algúns servizos, sendo os máis demandados o de comedor, a ampliación/flexibilización do horario laboral e do establecemento de transporte en autobús, o que invita claramente a seguir traballando para subsanar estas e outras deficiencias detectadas polos usuarios.
No caso de Carnota perdeuse (polo menos de momento) esta inmellorábel oportunidade para a liberdade dos nosos veciños e a educación de calidade para os nenos en idade preescolar. O motivo oficial, o desacordo do PP de Carnota coa ubicación plantexada no proxecto xa contratado polo anterior goberno do BNG; parece ser que os membros do actual goberno municipal se encadran nese 4,9% de insatisfeitos coa localización. O que realmente nos gustaría saber é que parte dese 4,9% preferiría que non se fixera a Galescola antes de que se fixera nese lugar que non lles gustou. Estamos dispostos a asegurar que esa porcentaxe comezaría por un «cero coma...».
A eses moitos veciños que nos manifestaron a súa tremenda decepción pola dilapidación da Galescola só podemos pedirlle confianza no BNG porque, por xustiza, seguiremos loitando coma sempre e con todas as ferramentas ao noso alcance para que Carnota recupere o que nunca lle debeu arrebatar a insensatez dun equipo de goberno que parece inmensamente máis interesado polas súas cuestións partidistas (excusas inverosímiles aparte) que pola verdadeira mellora das condicións de vida dos carnotáns.
Comentarios
Publicar un comentario