Saltar ao contido principal

A nosa costa é mariñeira e deportiva

As administracións competentes (Deputación da Coruña, Xunta de Galiza e Goberno do estado) veñen de destinar arredor de 240.000 € para creación e equipamento de bases náuticas en varios concellos da Costa da Morte, entre eles Carnota, dentro do Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte.

A primeira medida consitiu xa na contratación de casetas para as respectivas bases náuticas, por valor aproximado de 40.000 €. Estas bases serán equipadas pola Deputación grazas a un investimento superior aos 200.000 € para a compra de equipos de buceo, táboas de windsurf, catamaráns, kaiaks e embarcacións semiríxidas que se comezarán a repartir nesta primeira quincena de setembro entre as novas bases náuticas dos concellos integrados no Plan de Dinamización, é dicir Carnota, Muros, Corcubión, Camariñas, Malpica, Ponteceso, Carballo e Laracha.

Por outra parte, acabamos de saber que a Consellería de Pesca da Xunta de Galiza acaba de aprobar o proxecto "Desafío Portos Pesqueiros" deseñado pola AGAN (Asociación Galega de Actividades Náuticas). Esta iniciativa de promoción sociocultural pretende involucrar a mariñeiros e confrarías en actividades medioambientais e deportivas, especialmente mediante a práctica da vela, e abranguerá a varias confrarías do noso entorno, entre elas a do Pindo e a de Lira. Os usuarios das confrarías implicadas e familiares poderán participar de xeito gratuito no "Taller de Barco Xeiteiro", que contempla saídas en barco polo entorno e bautizos de mar en veleiro e kaiak. Hai un límite de 30 prazas.


As actividades desenvolveranse ao longo das fins de semana dos meses de setembro, outubro e novembro, e para participar poderedes solicitar información nas confrarías de Lira e O Pindo. Ademais, no vindeiro ano está prevista a realización de cursos de iniciación á navegación a vela, e mesmo unha competición deportiva "Desafío Portos Pesqueiros" na Ría de Corcubión na modalidade Match-Race, que terá lugar no mes de setembro.


Parece evidente que só coidando o noso medioambiente e complementando a actividade mariñeira tradicional con actividades deportivas e de lecer poderemos preservar as nosas costas da esquilmación dos seus recursos, mellorando de paso a calidade turística da zona e tamén a calidade de vida dos veciños. Todos os esforzos que se encamiñen nese sentido non só son intelixentes e louvábeis, senón necesarios. Cómpre neste punto saudar unha vez máis o traballo continuado e concienciado da Confraría de Pescadores de Lira, cuxas iniciativas innovadoras pola revalorización da actividade mariñeira tradicional, e especialmente a Reserva Mariña e o proxecto Mardelira, deron a volta ao mundo e están a sentar xa un modelo a imitar por outras moitas confrarías.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Toma a palabra!

Esta páxina está pechada por cuestións técnicas e alleas á vontade do BNG, e consérvase para a súa consulta. O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias... Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org. Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota. Desex...

Acordo da Asemblea local do BNG de Carnota de 28/05/11

Dando cumprimento ao acordado polo conxunto da Asemblea Local do BNG de Carnota o pasado sábado 28 de maio, difundimos para o coñecemento de toda a veciñanza o documento que recolle a postura do BNG de Carnota a respecto do actual panorama político post-electoral no noso concello, despois de telo posto en coñecemento dos responsábeis do PSOE no día de onte. ACORDO DA ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE CARNOTA Reunido o conxunto da militancia do BNG de Carnota en Asemblea Local, organismo convocado en tempo e forma e plenamente lexitimado para adoptar o seguinte acordo, pola unanimidade dos asistentes acordamos: Nas Eleccións Municipais do 22 de maio de 2011 o pobo de Carnota decantouse clara e maioritariamente por un cambio de goberno no Concello de Carnota. Os candidatos á alcaldía do BNG e do PSOE manifestaron en público e en privado o compromiso de, no caso de non se producir unha maioría absoluta, outorgar o seu voto na sesión de investidura aos candidatos da lista que, entre elas, obti...

O novo alcalde de Carnota cobrará a metade que o anterior; en conxunto, os soldos políticos descenden un 82%

Evolución dos salarios de carácter político en Carnota entre os anos 2007 e 2011 Só unha semana despois de acceder ao goberno municipal de Carnota o BNG puido cumprir cunha das propostas clave  do seu programa e tamén dar cumprimento a unha das súas principais reivindicacións durante catro anos liderando a oposición carnotá: a redución drástica dos gastos de carácter político, que co PP só no 2010 ascenderon a case 190.000 euros  incluíndo retribucións, dietas e seguridade social de dous concelleiros con dedicación exclusiva e unha liberada política. Xa na presentación da candidatura asi como no seu programa electoral o BNG de Carnota anunciou que, no caso de obter o suficiente respaldo veciñal o 22 de maio, outorgaría unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, nunca superior aos 2.000 euros brutos . Dito e feito: No pleno desta fin de semana, no que se trataron as dedicacións e o reparto das áreas de traballo, a corporación municipal aprobou (coa abstención do PP)...